A SALA CURUXEIRAS MOSTRARÁ O PROCESO DE CREACIÓN DUNHA ALFOMBRA DE ARTE EFÉMERA
Tres grupos de alfombristas de distintos puntos de Galicia realizarán o traballo, que comezará hoxe 23 de novembro, e está aberto a todas aquelas persoas que queiran participar
A obra, realizada con materiais ligados á natureza, como flores e cunchas, poderá contemplarse ata o 26 de novembro
A Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efémera organiza a actividade para dar visibilidade a esta tradición artística e conmemorar o Día Internacional do Patrimonio
Ferrol, 22 de novembro de 2023
A Sala Curuxeiras abre as súas portas para unha actividade que reivindica a tradición. “Alfombra, arte efémera” leva ao porto de Ferrol todo o proceso de creación destas alfombras realizadas con materiais presentes na natureza. A mostra, que conta coa colaboración da Autoridade Portuaria, está organizada pola Coordinadora Internacional que agrupa ás entidades que traballan esta expresión artística. Serán catro días nos que se mostrará todo o traballo desde o inicio ata o resultado final xa que tres grupos de alfombristas, chegados desde distintos puntos de Galicia, realizarán a alfombra en vivo.
A alfombra de arte efémera que se creará na Sala Curuxeiras estará realizada con distintos materiais, todos eles ligados á natureza e á contorna. Utilizaranse flores tratadas, un elemento imprescindible nestas obras, e tamén cunchas en distintos formatos, grava coloreada de xardín e casca de arroz, entre outros elementos.
O traballo de creación realizarase este 23 de novembro. Unha actividade que se abre ao público que poderá colaborar para dar forma a esta obra de arte efémera que realizarán ao redor de 15 alfombristas das provincias da Coruña e Pontevedra. Un proceso que se estenderá ao longo de aproximadamente seis horas. O día 24 inaugurarase a exposición ás 12:00 horas coa asistencia do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea. Ata o 26 de novembro todos os que se acheguen poderán contemplar o resultado final e coñecer algo máis desta expresión artística. O horario de apertura ao público é de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas.
Os representantes en Galicia da Coordinadora Internacional das Entidades de Alfombristas de Arte Efémera destacan que esta actividade ten como un dos seus obxectivos dar visibilidade a esta expresión artística e achegala ao público en xeral para animar ás novas xeracións a que se impliquen e participen na realización destes traballos, garantindo así a súa continuidade no tempo. Ademais, con esta exposición buscan tamén conmemorar o Día Internacional do Patrimonio nun lugar emblemático como Ferrol. A realización da alfombra de arte efémera que se realizará na Sala Curuxeiras servirá tamén para reforzar a presentación desta disciplina artística como candidata a obter a declaración de Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Unha candidatura que presentarán ao longo do próximo ano.
A coordinadora internacional agrupa a representantes de 15 países de 3 continentes, América, Asia e Europa, e conta cunha ampla representación de Galicia.