A SALA CURUXEIRAS ÁBRESE A UN MERCADILLO SOLIDARIO QUE RECADARÁ FONDOS DESTINADOS Á INCLUSIÓN DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
A Asociación Sociocultural ASCM e a Autoridade Portuaria colaboran de novo para poñer en marcha a iniciativa que permanecerá no porto de Ferrol do 3 ao 6 de novembro
Artesanía realizada polos membros da entidade, libros de distintas épocas, xogos para os máis pequenos ou enxoval son algúns dos artigos que poderán adquirirse
Ferrol, 30 de outubro de 2023
A Sala Curuxeiras abre as súas portas para unha iniciativa solidaria. O vindeiro venres, 3 de novembro, inaugúrase o mercadillo organizado pola Asociación Sociocultural ASCM en colaboración coa Autoridade Portuaria. Unha iniciativa que a asociación comezou a realizar en 2007 e que, nesta ocasión, volve ao porto de Ferrol co obxectivo de recadar fondos para seguir traballando pola plena inclusión das persoas con discapacidade.
O mercadillo solidario, que será atendido por voluntarios da asociación, ofrece artigos para todo tipo de público. Os máis curiosos e os amantes dos libros atoparanse con obxectos e exemplares en grao sumo sorprendente que son froito de doazóns tanto de particulares como de entidades. Libros de distintas épocas, desde os máis actuais a exemplares antigos, enxoval, xogos para nenos e artesanía realizada polos membros da asociación, son algunhas das propostas que poderán adquirirse durante os catro días que permanecerá aberto ao público.
A inauguración terá lugar o vindeiro venres ás 12:00 horas e permanecerá aberto ao público na Sala Curuxeiras ata o 6 de novembro. O horario será de 11:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas. O mercadillo solidario complementarase cunha exposición sobre o entroido da comarca, o que permitirá coñecer desde outra perspectiva unha das nosas tradicións e descubrir algunhas curiosidades.
Esta iniciativa é, sen dúbida, unha oportunidade para poder adquirir artigos singulares e, ao mesmo tempo, colaborar nunha iniciativa solidaria xa que a recadación irá destinada a seguir avanzando nos fins da asociación e continuar traballando polo obxectivo de lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade.