A PASARELA DO PORTO DE FERROL CONTARÁ CUNHA MALLA ANTIESCORREGADIZA PARA REFORZAR A SEGURIDADE DOS PEÓNS
Desde este martes, a ponte que une a zona dos peiraos interiores co paseo da Malata pechará por obras durante unha semana de 7.30 a 14.00 horas.
Ferrol, 16 de outubro de 2021
A pasarela do porto de Ferrol contará cunha malla antiescorregadiza para reforzar a seguridade dos centos de peóns que a diario a cruzan. Operarios da Autoridade Portuaria empezarán a instalala este martes, motivo polo cal a estrutura permanecerá pechada durante unha semana aproximadamente, desde as 7.30 ata as 14.00 horas.
Cun ancho de 2 metros e unha lonxitude de máis de 200, a malla, adquirida por 4.100 euros, evitará que os viandantes escorreguen sobre a madeira húmida. A obra dá resposta á demanda de quen utiliza esta ponte para, salvando o tráfico rodado, cruzar da zona dos peiraos interiores ao paseo marítimo que bordea a enseada da Malata.
Inaugurada a finais de abril de 2010 tras un investimento de 2,8 millóns, a pasarela é obra do enxeñeiro ferrolán Antonio González Serrano. Ten recibido varios recoñecementos.