A exposición poderase visitar a partir de mañá na sala do peirao de Curuxeiras

O proxecto está comisariado por Noa e Lara Castro, e conta coas obras de nove artistas

Ferrol, a 6 de febrero de 2020

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acollerá, a partir de mañá, Pensar sobre as cousas, un proxecto comisariado por Noa e Lara Castro. Esta mostra ten como obxectivo dignificar o cotiá e, por iso, escolléronse seis pezas de barro de Tonio Corral, alfareiro de Buño, que son o inicio da exposición. A partir destas tallas de artesanía, nove artistas de diferentes disciplinas inspiráronse nelas para reinventalas e así crear novas obras completamente diferentes.

Os artistas que forman parte deste proxecto son Doira Barrio, en ilustración; Guillermo Coni, en música; Pepe Eiras e Luisa Galbán, en escultura; Álex Fuentes, en pintura; e Cora Novoa, Lara Castro e Segio Alonso, en vídeo performance.

“Esta iniciativa ten como base abordar o diálogo que dende o comisariado se pode establecer entre a arte e as artes aplicadas”, reflexiona Noa Castro, unha das comisarias do proxecto. O título desta exposición resume o proceso de repensar unha forma e un material para facer unha peza de arte única.

A apertura desta mostra terá lugar mañá ás doce do mediodía na Sala de Exposicións do Porto de Ferrol nun acto aberto ao público. A exposición poderase visitar ata o 15 de febreiro, de luns a domingo, en horario de 17:30 a 20:30 horas.