A MELLORA DA CONTORNA DE CURUXEIRAS FINALIZA COS TRABALLOS DE AGLOMERADO E PINTADO DO TRAMO ENTRE CAPINATNÍA MARÍTIMA E A CORTINA
Durante as xornadas de traballo, que comezan o día 5 e continuarán do 9 ao 13 de decembro, quedará habilitado un único carril para a circulación rodada e estableceranse itinerarios alternativos
A culminación destas actuacións permitirá á cidadanía gozar dun espazo remodelado na fachada marítima de Ferrol
Ferrol, 3 de decembro de 2024
A mellora da contorna de Cuxuxeiras, dentro da remodelación da fachada marítima de Ferrol, entra na súa recta final. A cidadanía poderá gozar dun espazo remodelado a mediados de decembro unha vez que culminen os traballos de aglomerado e pintado do tramo entre Capitanía Marítima e A Cortina que se realizarán nos próximos días. Estas últimas actuacións faranse este xoves, día 5, e entre o 9 e o 13 de decembro e conlevarán cambios provisionais no tráfico rodado.
Durante as xornadas de traballo_ o día 5 e do 9 ao 13 de decembro_ cortarase de forma alternativa un dos carrís no tramo entre Capitanía Marítima e A Cortina de tal forma que quedará sempre un carril operativo para o paso dos vehículos. En todo momento habilitaranse itinerarios alternativos, ben a través da Estrada Alta ou permitindo a circulación en dobre sentido por un único carril regulado por semáforos. O tramo afectado estará sinalizado polo que se pide aos condutores que estean pendentes das indicacións, tanto da Policía Local como da sinalización. Os traballos afectarán tamén o #aparcamento e á parada de autobús que se trasladará ao comezo de Costa de Mella.
Desde a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao lamentamos as molestias que causa esta medida, necesaria para afrontar a recta final desta fase da transformación da fachada marítima que quedaría unicamente pendente dos remates finais. Unha vez terminados os traballos de aglomerado e pintado, a cidadanía poderá gozar dun novo espazo na contorna de Curuxeiras así como da continuación do carril bici ata A Cortina. Deste xeito finalízanse tres das catro actuacións incluídas no convenio coa Xunta de Galicia para a mellora da mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol.