O consello de administración autoriza á empresa para prestar o servizo comercial de consignación de buques e mercadorías por un período de 10 anos

A compañía, con sede central en Barcelona, conta con oficinas en Madrid e nos portos de Tarragona, Alxeciras e Las Palmas de Gran Canaria

Ferrol, 1 de marzo de 2024

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou  a autorización para unha nova empresa que se incorpora así á comunidade portuaria. Trátase de Ocean Ports & Shipping (OPS) que prestará o servizo de consignación de buques e mercadorías no porto de Ferrol. A autorización foi concedida por un período de 10 anos. Segundo a documentación achegada pola empresa, neste 2024 xa prevé realizar sobre 20 escalas nas dársenas ferrolás e 70 durante o próximo ano.

Coa incorporación de OPS serán 17 as consignatarias que prestan servizo nos portos da Autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao. Tres delas recibiron autorización no últimos tres meses. Unha circunstancia que pon de manifesto a confianza do sector no desenvolvemento que está a experimentar o porto de Ferrol, así como na súa operatividade, infraestruturas e servizos.

Ocean Ports & Shipping é unha compañía dedicada a axencia marítima e ás operacións portuarias de estiba e desestiba. Ten a súa sede central en Barcelona e oficinas en Madrid e nos portos de Alcanar/Tarragona, Alxeciras, Las Palmas de Gran Canaria e, proximamente, no porto de Ferrol. A nova consignataria pertence ao Grupo Romeu, un dos principais grupos españois en loxística e con 150 anos de historia.

Outros asuntos

O órgano de dirección da Autoridade Portuaria tamén deu o visto e prace á aprobación do prego de bases do concurso do servizo portuario de practicaxe do porto de Ferrol, así como do prego de prescricións particulares do servizo de amarre e desamarre do Porto de San Cibrao. Continúase así coa actualización destes documentos seguindo o modelo establecido por Portos do Estado todo o sistema portuario nacional, Unha actualización que pretende simplificar e homoxeneizar a concesión de licenzas e reforzar a calidade dos servizos portuarios.