O segundo e o terceiro galardón do certame convocado pola Autoridade Portuaria recaeron en “Os vagalumes do Ferrol” e “Buscando o norte” respectivamente

O presidente do organismo portuario, Francisco Barea, entregará os premios ás autoras dos tres traballos destacados nun acto que terá lugar o día 29 de xuño na Sala Curuxeiras

As 36 imaxes que participaron no certame poderán verse nunha exposición que estará aberta ata o 6 de xullo

Ferrol, 22 de xuño de 2023

“As redes”. Ese é o título da fotografía gañadora da terceira edición do concurso “Porto e Cidade” convocado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. O xurado formado polo presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, o director da APFSC, Jesús Casás, e o fotógrafo de La Voz de Galicia, José Pardo, seleccionou a fotografía realizada pola moza Pepa González-Valerio González-Acevedo, de 14 anos, como a máis destacada das 36 que se presentaron este ano ao certame. Así mesmo, resaltaron tamén os traballos “Os vagalumes do Ferrol», de Sabrina Cobo Rey, de 17 anos, e “Buscando o norte», de Naiara Suárez Caño, de 15 anos, concedéndolles o segundo e terceiro premio respectivamente.

As tres gañadoras do certame recibirán como premio un teléfono móbil de última xeración. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro xoves, 29 de xuño, ás 10:00 horas nun acto na Sala Curuxeiras presidido por Francisco Barea. Ademais das tres galardoadas o acto estará aberto a todos os participantes no concurso celebrado este ano que recibirán tamén un pequeno obsequio por parte da Autoridade Portuaria.

Coincidindo coa entrega de premios inaugurarase tamén unha exposición na que se poderán contemplar as 36 fotografías presentadas ao concurso e que mostran a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade.

As imaxes, todas elas orixinais, foron realizadas por persoas de entre 12 e 18 anos que puxeron o foco nas temáticas relacionadas co mar, as instalacións e as actividades que levan a cabo no peirao de Curuxeiras. O obxectivo desta terceira edición do concurso fotográfico “Porto e Cidade” é que os nenos e os mozos achegásense á realidade portuaria e transmitan a súa percepción a través dunha fotografía.

A exposición estará aberta ao público do 29 de xuño ao 6 de xullo, en horario de 12:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas.