A ESTRADA BAIXA DO PORTO E O PRIMEIRO DOS APARCAMENTOS DA FACHADA MARÍTIMA DE FERROL ÁBRENSE MAÑÁ Á CIDADANÍA
Os vehículos poderán volver circular en dobre sentido polo vial a partir das 9.00 horas deste xoves
A partir do 1 de agosto estarán operativas as 101 prazas de aparcamento gratuítas do estacionamento norte, así como o carril-bici e a senda peonil
Ferrol, 31 de xullo de 2024
As dúas primeiras actuacións incluídas no convenio entre a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Xunta de Galicia para mellorar a mobilidade sostible na fachada marítima estarán operativas a partir de mañá. Tanto a senda peonil e ciclista da Estrada Baixa do Porto como o primeiro dos dous aparcamentos disuasorios ábrense este xoves.
A partir das 9:00 horas do 1 de agosto abrirase ao tráfico a Estrada Baixa que recuperará así a normalidade no referente ao tráfico rodado. Poderase volver circular en dobre dirección, tanto de entrada como de saída da cidade, xa que se habilitan de novo os dous carrís de circulación. Tamén se poderá gozar tanto da senda peonil como do carril bici no tramo de 750 metros entre A Malata e o extremo leste da muralla baluarte de San Xoan. A actuación permitiu gañar 1.800 metros cadrados de espazo público e dar continuidade ao carril bici desde A Malata. As obras foron adxudicadas a CivisGlobal e supuxeron un investimento de 1,9 millóns de euros.
Así mesmo, quedará aberto ao público o aparcamento norte, xunto á fábrica de subsistencias. Deste xeito os que se acheguen ata o porto de Ferrol dispoñerán de 101 prazas de estacionamento de carácter gratuíto na fachada marítima da cidade que poderán utilizarse desde mañá xoves. Trátase do primeiro dos dous aparcadoiros contemplados neste proxecto que busca humanizar e mellorar a mobilidade sostible nesta zona da cidade. Nos traballos, adxudicados a Prace Servizos e Obras, investíronse 277.000 euros.
Ponse así ao servizo da cidadanía dúas das catro actuacións contempladas no convenio que supón un investimento de 4,6 millóns de euros, dos que 3,8 son achegados pola Xunta de Galicia. As dúas actuacións restantes atópanse actualmente en execución e estarán finalizadas ao longo deste ano. Trátase da continuación do carril bici ata A Cortina e a construción do segundo aparcamento disuasorio con 162 prazas de aparcadoiro no porto interior de Ferrol.