Ao redor de 30 embarcacións acompañarán mañá a imaxe da Virxe na travesía pola ría que se iniciará ás 19:45 horas no peirao da Cortina

Os actos comezarán ás 19:00 horas na capela do Arsenal para continuar o percorrido por mar onde se realizará a tradicional ofrenda floral

Ferrol, 15 de xullo de 2024

A Virxe do Carmen volverá, por terceiro ano consecutivo, a ter a súa procesión marítima. A Autoridade Portuaria impulsa de novo a celebración da patroa das xentes do mar cunha serie de actos que inclúen o tradicional percorrido pola ría de Ferrol acompañando a imaxe da Virxe. Ademais da comunidade portuaria, a cidadanía envorcouse con esta celebración e completou as prazas da embarcación habilitada polo organismo portuario para que os ferroláns poidan participar na procesión marítima. Un total de 150 persoas embarcaranse este martes, ás 19:00 horas, no barco “Rías Altas” que sairá desde o peirao da Cortina. Esta embarcación é só una das que formarán parte da comitiva que acompañará á Virxe do Carmen xa que serán 31 barcos os que participen este ano na celebración.

Os actos en honra á patroa das xentes do mar comezarán ás 19:00 horas coa saída da imaxe da Virxe desde a capela do Arsenal cara ao peirao da Cortina desde onde partirá a procesión marítima. Ás 19:45 horas será cando se inicie o percorrido por mar. Durante aproximadamente unha hora as embarcacións participantes acompañarán á Virxe do Carmen na súa travesía pola ría de Ferrol e realizarase a tradicional ofrenda ademais da bendición do bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. Ás 20:30 horas finalizará a procesión marítima e de iniciará o desembarque e saída en procesión cara á igrexa da nosa Señora do Socorro onde se finalizará co canto de Sálvea en honra á Virxe do Carmen.

Os cidadáns que participen na travesía embarcarán ás 19:00 horas na zona da Cortina para realizar todo o percorrido pola ría de Ferrol. Ademais, habilitaranse espazos para poder seguir a procesión tamén desde terra.

O organismo que preside Francisco Barea mantén así o seu compromiso de seguir impulsando a celebración da patroa das xentes do mar, coa recuperación da procesión marítima por terceiro ano consecutivo e abrindo a participación aos cidadáns. Trátase de converter o día do Carmen nunha das xornadas máis importantes no porto de Ferrol.