O consello de administración deu o visto e prace á convocatoria que permitirá contar cun servizo que mellorará a atención aos pasaxeiros e favorecerá o incremento do número de escalas 

A terminal será de uso xeral e reforzará así un tráfico que supón un importante impacto económico para a cidade e a comarca 

O órgano de dirección aprobou a adxudicación da xestión da lonxa á Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol

 Ferrol, 11 de xullo de 2025

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dá un paso decisivo na súa aposta por impulsar un dos tráficos estratéxicos polo impacto económico que supón para a cidade e a comarca, o tráfico de cruceiros. O consello de administración celebrado esta mañá aprobou a convocatoria dun concurso para o outorgamento da concesión para a construción e explotación da terminal de cruceiros do porto de Ferrol.

Desde hai décadas leva dando servizo a este tráfico nun número moi variable. No 2024 contabilizáronse 20 escalas. Actualmente o servizo a estes buques préstase cunha pequena terminal transportable, propiedade da Autoridade Portuaria, e de capacidades limitadas. De aí o interese por dispoñer dunha terminal fixa que permita mellorar substancialmente o servizo e incrementar o número de escalas. Con este obxectivo, o consello de administración aprobou a convocatoria dun concurso para a concesión e explotación dunha terminal de cruceiros no espigón exterior do porto interior de Ferrol que será de uso aberto a todas as navieiras, consignatarias e prestadores do servizo portuario de pasaxe. É dicir, non será unha terminal de uso particular dunha soa empresa navieira, senón unha concesión aberta ao uso xeral para favorecer así a concorrencia e o incremento de escalas.

No edificio da terminal centrarase boa parte do servizo á pasaxe, desde o control de pasaxeiros á saída e entrada do buque, control de equipaxes e outras prestacións. Outra parte do servizo, como o guiado de pasaxeiros, desenvolverase no peirao situado entre a terminal e o buque.

O prazo para a presentación de propostas será de dous meses a contar desde o día seguinte á publicación do anuncio no BOE. Unha vez que o consello de administración resolva o concurso a favor dun adxudicatario, tramitará e outorgará, se procede, a concesión ao terminalista. Trátase dunha superficie de 960 metros cadrados para a construción do edificio no espigón exterior do porto de Ferrol. O prazo de vixencia da concesión será de 30 anos.

Outros asuntos

O consello de administración tamén aprobou a adxudicación para a xestión e explotación da lonxa á Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol. Así mesmo, acordou iniciar a tramitación do expediente para outorgar a concesión cun período de vixencia de 5 anos prorrogables por 2,5 anos máis.

O órgano de dirección deu, ademais, o visto e prace á prórroga da concesión titularidade de Eirobra A Mariña para hotel e cafetería no faro de Illa Pancha. A prórroga, que xa constaba na concesión inicial outorgada en xuño de 2015 será por un período de 5 anos, ata 2030, e conta co informe favorable da Avogacía do Estado.

Ademais, na sesión acordouse tamén validar o nomeamento de práctico no porto de San Cibrao de Saúl Salinas Cubero.