A AUTORIDADE PORTUARIA REÚNE NUNHA EXPOSICIÓN AS MELLORES FOTOGRAFÍAS DO PRIMEIRO CONCURSO “PORTO E CIDADE”
A mostra, que se poderá visitar ata o 2 de maio, recompila en 25 imaxes a visión dos máis mozos sobre as instalacións do peirao de Curuxeiras.
“Enfoque portuario” recibiu o primeiro premio do certame convocado pola APFSC, mentres que o segundo e o terceiro galardón recaeron en “Melancolía no porto” e “Ondas”, respectivamente.
Ferrol, 24 de abril de 2021
A sala de exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acolle unha nova mostra na que se poderá descubrir a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade. Son 25 miradas diferentes. Tantas como as fotografías que compoñen a exposición que se abrirá ao público o luns, ás 18:00 horas, e que recompila as mellores instantáneas do primeiro concurso de fotografía infantil e xuvenil Porto e Cidade convocado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
As imaxes, todas elas orixinais, foron realizadas por persoas de entre 12 e 17 anos que puxeron o foco nas temáticas relacionadas co mar, as instalacións e as actividades que se levan a cabo no peirao de Curuxeiras. O obxectivo desta primeira edición do concurso fotográfico Porto e Cidade é que os rapaces se achegaran á realidade portuaria e transmitiran a súa percepción a través dunha fotografía.
As obras que compoñen a exposición foron seleccionadas entre o centenar que se presentaron ao certame por un xurado composto polo presidente da Autoridade Portuaria, Indalecio Seijo Jordán; o presidente da Asociación de Veciños por Ferrol, Luis María Taboada González, e o fotógrafo de La Voz de Galicia, José Pardo Vázquez. O xurado valorou especialmente a orixinalidade, a calidade técnica e a creatividade.
Entrega de premios
Coincidindo coa apertura da exposición, o luns terá lugar a entrega de premios aos autores das tres mellores fotografías.
O primeiro galardón é para a instantánea Enfoque portuario, realizada por Omar L. CH. de 14 anos. O segundo e o terceiro premio son para Melancolía no porto, de David F. L. de 15 anos e para Ondas, de Manuel L. G. de 13 anos de idade. Os tres recibirán como premio unha cámara fotográfica que recollerán no acto que se celebrará o luns, 26 de abril, ás 18:00 horas na sala de exposicións da Autoridade Portuaria. Ademais, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo, entregará tamén ao gañador deste primeiro certame unha réplica do Faro de Prior.
A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 2 de maio, desde as 11:30 ata as 13:30 horas e desde as 18:00 ata as 20:00 horas. Unha vez rematada a mostra, os autores poderán recoller as súas fotografías impresas no edificio de dirección da APFSC, en horario de 9.00 horas a 14.00 horas.