A AUTORIDADE PORTUARIA REMONTA OS TRÁFICOS NA SEGUNDA METADE DE 2021 E PECHA O ANO CON CIFRAS SIMILARES AO EXERCICIO ANTERIOR
O ente que preside Francisco Barea rexistrou un crecemento do 3,1 % no últimos seis meses, o que lle permitiu pasar dun -4,5% de perda acumulada no primeiro semestre do ano ao -0,71% final.
As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao cargaron e descargaron durante o pasado ano 9,9 millóns de toneladas de mercadorías, tan só 60.000 toneladas por baixo do balance de 2020.
Os datos reforzan o carácter estratéxico do porto de Ferrol no sector enerxético co movemento de graneis líquidos en máximos históricos, pero tamén apontoan a alza dos contedores.
Ferrol, 26 de xaneiro de 2022
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acelerou na segunda metade do 2021 e conseguiu remontar o seu movemento de mercadorías ata a fronteira dos 10 millóns de toneladas e practicamente equiparar así o balance de tráficos que asinou no exercicio anterior. De feito, despois de que no primeiro semestre rexistrase un -4,5 % de perda acumulada, o organismo acabou a segunda metade do ano cun crecemento do 3,1 %, o que amorteceu a caída con respecto a 2020 a só un -0,7 %.
Segundo os datos consolidados, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao estibaron e desestibaron entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro pasados 9.963.375 toneladas de materias primas, materiais e produtos. O pormenorizado destas cifras indica que a diversificación de tráficos empézase a consolidar e mentres os graneis sólidos volveron caer (nesta ocasión, e a pesar da recuperación conxuntural do tráfico de carbón, un 6% respecto a 2020, cando xa retrocederan un 21,3 % respecto a 2019), as mercadorías xerais gañaron terreo cun incremento notable do 10 %; e os graneis líquidos continúan a súa escalada e anótanse outro crecemento do 8% ata un total de 3,1 millóns de toneladas. Neste éxito subxace fundamentalmente o bo comportamento das importacións de gas natural licuado e o movemento de fueloil.
Así mesmo, consolídase o crecemento do tráfico de contedores, que establece un novo récord: con 16.842 TEUs (fronte aos 12.473 de 2020) e un incremento porcentual dun 35 %. En toneladas este novo rexistro sitúase en 161.334 e un índice de contenerización da 20,3 % fronte ao 5,5% de fai tres anos. Cabe lembrar que a terminal de contedores de Caneliñas comezou a funcionar en xuño de 2018 cunha única liña regular e agora xa sostén tres.
O balance desagregado do exercicio reflicte que o ranking de mercadorías en 2021 lidérao a bauxita, con 4.144.643 toneladas movidas, seguida polo GNL, con 1.779.607. Completan a clasificación nos seus 10 postos nobres a alúmina (1.204.875 toneladas), o fueloil (779.007), a sosa cáustica (312.240), a chatarra (226.357), a madeira (198.997), o carbón (173.690), os contedores (161.334) e o aceiro (159.751).
GNL, fueloil e contedores, á alza
Entre os dez grandes tráficos, en termos relativos, as evolucións máis favorables preséntanas o fueloil e os contedores, con subidas do 49,3 %, no primeiro caso, e do 24,8 %, no segundo. O GNL tamén repunta por encima do 20 % (22,4) e o carbón aparece cunha gran subida, pero é froito dunha reactivación conxuntural e que todo apunta non se sosterá no tempo.
“Os datos do segundo semestre do ano apuntan na boa dirección e nun contexto aínda de incerteza marcado pola pandemia e as novas variantes do Covid-19 que provocaron a retardación da recuperación económica. Tamén están aínda latentes as consecuencias dunha transición enerxética acelerada e unha crise de prezos da enerxía que impactou de maneira decisiva sobre a nosa industria electrointensiva”, explicou o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea.
“Pero o noso obxectivo —engadiu— é seguir sumando novas liñas de negocio que exploten as vantaxes competitivas das nosas magníficas instalacións e que sirvan para dar novas oportunidades ás empresas das comarcas de Ferrolterra e A Mariña, e para impulsar a implantación de novas empresas que axuden ao desenvolvemento de todo o norte de Galicia”.