Representantes da comunidade portuaria e do ámbito militar, institucional e social de Ferrol participarán nos actos para conmemorar o día do patrón da Policía Portuaria

Un oficio relixioso na igrexa do Socorro e un acto na Sala de Exposicións de Curuxeiras centran unha xornada que permitirá destacar o importante papel deste corpo de seguridade e reforzar a vinculación porto-cidade 

Ferrol, 12 de mayo de 2022

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vivirá este venres, 13 de maio, unha xornada de celebración coa homenaxe ao Cristo dos Navegantes, patrón da Policía Portuaria. Unha tradición que deixou de celebrarse fai oito anos e que, agora, o organismo que preside Francisco Barea quixo recuperar para poñer tamén en valor e dar visibilidade ao importante papel que desempeña o corpo de seguridade do porto.

A xornada contará cunha ampla representación institucional, militar e social así como da comunidade portuaria. Os actos comezarán ás 12:00 horas cun oficio relixioso, na igrexa da nosa Señora do Socorro, oficiado polo bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, monseñor García Cadiñanos. A continuación, os asistentes trasladaranse á Sala de Exposicións de Curuxeiras onde continuarán as celebracións cunha recepción por parte do presidente da APFSC, Francisco Barea.

Ademais do equipo directivo e do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, asistirán á celebración representantes da vida institucional, como a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, así como deputados e senadores. Ademais, estarán tamén presentes membros dos distintos corpos e forzas de seguridade tanto estatal como municipal, representantes do ámbito militar, así como membros de asociacións veciñais de Ferrol. Unha ampla representación da cidade e tamén da comunidade portuaria.

Con esta celebración, a APFSC quere recuperar unha tradición que se celebrou por última vez no ano 2013 e que conta con gran arraigamento tanto entre a comunidade portuaria como na cidade, xa que a imaxe do Cristo é unha das máis representativas de Ferrol. Trátase de facer partícipe á comunidade ferrolá das tradicións portuarias como un paso máis para reforzar esa vinculación entre o porto e a cidade.

Coa recuperación desta celebración, o organismo que preside Francisco Barea tamén pretende dar visibilidade e facer un recoñecemento ao importante labor que realiza a Policía Portuaria que actualmente conta con 41 axentes en persoal e que, proximamente, reforzarase con dúas novas incorporacións. Trátase dun corpo de policía especial, dependente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que ademais de manter a seguridade no ámbito xeográfico dependente da APFSC, ten encomendadas funcións de vixilancia, control de acceso, medio ambiente e policía administrativa e marítima, entre outras.