A titular da marca Carbugal solicita a concesión de máis de 7.000 metros cadrados para reactivar a emblemática estación de servizo, que xerará 12 postos de traballo

O proxecto ten un investimento estimado de 2 millóns de euros e inclúe tamén a construción dun edificio comercial e de hostalería, ademais de 60 prazas de aparcamento

Francisco Barea, destacou a importancia desta actuación que dinamizará a actividade social e económica, creará emprego e poñerá ao dispor dos veciños novas zonas de recreo contribuíndo a abrir Ferrol ao mar

Ferrol, 30 de marzo de 2023

A emblemática gasolineira da Avenida das Pías, no barrio de Caranza, volverá ter actividade despois de anos en desuso. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, tramita a súa recuperación e a posta en valor da contorna que incluirá a creación de novos servizos de comercio e hostalería, así como prazas de aparcamento para os usuarios e os veciños de Ferrol.
A empresa Peteiro Motor, titular da marca Carbugal, solicitou a concesión de dominio público do total da chaira de 7.200 metros cadrados na que se atopaba a antiga estación de servizo que volverá estar operativa tras a súa rehabilitación.
A actuación inclúe unha primeira intervención no norte da parcela, de 4.080 metros cadrados, na que se atopan actualmente a marquesiña e o edificio anexo con opción a tenda e outros servizos. Son 670 metros cadrados que se recuperarán como gasolineira e que incluirá tamén un espazo para a creación dunha terraza con vistas ao mar. Adicionalmente habilitarase unha segunda zona de 3.124 metros cadrados, no sur da chaira, para a construción dun edificio de 500 metros cadrados que estará destinado a actividade comercial e de hostalería. Todo iso complementado con 60 prazas de aparcamento de uso público.
O investimento estimado é de 2 millóns de euros e supoñerá a xeración de 12 novos postos de traballo para atender a estación de servizo, aos que se sumarán os que se xeren coa posta en marcha dos espazos comerciais e de hostalería. Estímase que as obras poidan comezar a finais deste ano para iniciar a súa actividade para mediados de 2024.
Unha actuación que dinamizará o barrio O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, acompañado por membros da asociación Cuco Ruiz de Cortázar, presentou o proxecto a unha representación dos veciños de Caranza ante os que reafirmou o compromiso do organismo que preside coa cidade e con este barrio, o máis poboado de Ferrol, que acaba de cumprir 50 anos e que está estreitamente ligado ao porto.
Para Barea a reactivación da gasolineira e a posta en valor da súa contorna implica dar “un paso decisivo para humanizar este espazo da Avenida das Pías, recuperar un lugar emblemático para Caranza e contribuír a abrir Ferrol ao mar”. “Esta actuación impulsará o desenvolvemento social e económico do barrio. Supoñerá dinamizar a actividade económica, xerar novos postos de traballo e crear tamén de novos servizos e oferta de lecer para os usuarios da estación de servizo e os veciños da zona que poderán volver gozar deste espazo situado nun lugar privilexiado”, destacou o presidente da Autoridade Portuaria. Francisco Barea comprometeu a implicación da APFSC en todas aquelas actuacións “que contribúan ao desenvolvemento do barrio para seguir construíndo o Caranza do século XXI e mellorar a calidade de vida dos veciños de Ferrol”, un dos principais obxectivos do proxecto Porto-Ciudad.