O organismo portuario abre o prazo para que se presenten ofertas para os traballos de remediación dos terreos cun orzamento de 192.700 euros e un prazo de execución de 15 meses

As actuacións forman parte da tramitación da concesión para recuperar a estación de servizo e poñer en valor a contorna

Ferrol, 7 de agosto de 2026

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dá un impulso á recuperación da gasolineira das Pías. O organismo que preside José Antonio Álvarez acaba de sacar a licitación os traballos para executar o proxecto de remediación do chan. Un proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade da Xunta de Galicia e que supoñerá a recuperación medioambiental dos terreos nos que se sitúa a estación de servizo, en desuso desde 2018. O orzamento basee de licitación é de 192.708 euros (159.263 + IVE) e o prazo de execución é de 15 meses.

O obxectivo é eliminar os restos de hidrocarburos e para iso aplicarase un sistema denominado Pump&Traet. Este baséase no bombeo das augas subterráneas, favorecendo a mobilización e a recuperación de hidrocarburos que, de xeito residual, puidesen quedar. A continuación, procédese ao seu tratamento para eliminar o hidrocarburo e devolver finalmente a auga, xa tratada, ao medio.

Unha vez realizadas as actuacións, comprobarase a súa efectividade. Realizarase un seguimento na fase activa de actuación, con revisións semanais durante o primeiro mes e quincenais despois para comprobar o correcto funcionamento das instalacións. Farase así mesmo seguimento na fase de mantemento cunha mostraxe trimestral durante seis meses antes da emisión do certificado final. Estes traballos previos son necesarios para continuar coa tramitación que permitirá devolver a actividade a unha estación de servizo emblemática no barrio de Caranza.

Posta en valor de 7.000 metros cadrados

Con esta actuación, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dá o impulso necesario á tramitación da concesión solicitada por Carbugal sobre 7.200 metros cadrados de dominio público para a recuperación da gasolineira das Pías e a posta en valor da contorna. A actuación proposta pola compañía incluía unha primeira fase de reconstrución e posta en actividade da estación de servizo de Caranza e unha segunda fase coa construción dun edificio destinado a actividade comercial e de hostalería. Todo iso complementado con 60 prazas de aparcamento de uso público.