O Consello de Administración celebrado esta semana deu luz verde ás contas que confirman o impacto positivo da diversificación dos tráficos.

O ente que preside Indalecio Seijo tamén aprobou un modificado do proxecto do acceso ferroviario ao porto exterior por valor de 1.313.238 euros.

Ferrol, 29 de xullo de 2021

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao celebrado esta semana deu luz verde ás contas do exercicio de 2020 cuxo resultado despois de impostos lanza un beneficio para as arcas do ente de 1.147.754,95 millóns de euros. A cifra supón unha redución do 60% con respecto ao beneficio de 2019 (3,2 millóns de euros), que se fundamenta na case completa desaparición de movemento de carbón na dársena de Caneliñas. En 2020 o tráfico deste granel sólido foi testemuñal con apenas sete mil toneladas, fronte aos máis de catro millóns que chegou a recibir de forma sostida durante anos o porto exterior. Neste sentido, os ingresos de explotación pasaron de 19 millóns de euros en 2019 a 16,7 en 2020.

A pesar diso, o ente que preside Indalecio Seijo mantén o seu balance en positivo grazas ao impacto positivo da diversificación de tráficos, incidindo a captación dos mesmos nos de maior valor engadido, e a contención do gasto. “Estamos a asimilar aínda as consecuencias dunha transición enerxética acelerada da que tamén somos un dos damnificados, pero as contas indican que, grazas ao traballo que se veu facendo para captar novos tráficos e de alto valor engadido, estamos a poder amortecer as consecuencias da desaparición do carbón”, explica Indalecio Seijo.

Doutra banda, o Consello aprobou o expediente do proxecto modificado nº2 do Acceso Ferroviario ao Porto Exterior. O modificado versa principalmente sobre dúas cuestións: o túnel de Brión e o viaduto da Malata, e supón un incremento con respecto ao orzado de 1.313.238,82 euros, que supón un 1,4 % do total da obra.

Apenas 400 metros por escavar

En primeiro lugar, no expediente lévase a cabo unha actualización das medicións das unidades do túnel de Brión do que quedan escasos 400 metros para alcanzar o denominado punto de cale, que é a sección na que se producirá o encontro entre as dúas bocas de escavación do túnel. Desde a boca do porto exterior avanzáronse máis de 4.950 metros co que quedan por escavar escasos 50 metros. Está previsto que se complete a escavación desde esa entrada en tan só 10 días.

Desde A Graña, o avance achégase xa aos 200 metros e superouse coa primeira fase da escavación o fito do cruzamento do túnel militar de acceso á Base Naval da Graña. Os traballos por esta boca, pola que quedan algo máis de 350 metros por escavar, espérase que alcancen o punto de cale cara a finais de ano.

Das modificacións introducidas no túnel, ademais dunha actualización das súas medicións, as máis relevantes son a implantación dun sistema continuo de auscultación no interior do túnel militar da Graña co que se están seguindo os movementos que as escavacións do túnel ferroviario puidesen causar na instalación militar, e diversas partidas de seguridade e saúde vinculadas coa escavación mineira. O importe das modificacións do túnel sobre o total do modificado representan a cantidade de 581.813,22 euros.

 

Variacións no viaduto da Malata

En canto á ponte da Malata, coa aprobación do expediente conclúese un proceso de análise técnica iniciado hai agora un ano co que a Autoridade Portuaria resolveu diversas cuestións vinculadas co viaduto que atravesa a Enseada da Malata e que se puxeron de manifesto unha vez iniciadas as obras.

As máis relevantes son:

1.-Ampliación da sección do taboleiro con obxecto de permitir a futura electrificación do tramo do acceso en corrente alterna de 25 kV.

2.-Simplificación do sistema de cimentación no tramo marítimo do viaduto, de modo que sexa posible a súa execución no período e horario previsto na declaración de impacto ambiental, con menores ocupacións da lámina de auga durante os traballos, e menores posibilidades de afeccións ambientais. O número de pilas na ría pasa de 5 a 4 pilas, aumentando as luces nos vans marítimos de 60 a 63 metros.

3.-Redeseño da posición das pilas na zona na que o viaduto voa sobre o dique de peche do Peirao Cerramento Norte e o colector da impulsión da rede de fecais da cidade, afastándoas deste para que non se vexan afectadas pola execución das obras, evitando a formación de recheos durante a súa execución.

4.-Redeseño do estribo do viaduto no extremo da Graña por un elemento de menor dimensión e unha pila que permite recuperar o tránsito peonil pola zona de servidume do dominio público marítimo terrestre, de modo que o traxecto peonil proxectado, antes de elevarse e alcanzar a cota da infraestrutura ferroviaria, discorre polo bordo da ribeira do mar, aproveitando para o uso cidadán a parcela na que na actualidade desenvólvense os traballos no emboquille da Graña.

5.-Cambio no sistema de colocación do taboleiro que tamén se simplificou, pasando a colocarse, en lugar de por elevación, por lanzamento, resolvendo as dificultades por escaseza de calados nos extremos máis próximos a terra. Para iso defínese un taboleiro de celosía metálica hiperestática sobre a ría, dotando de continuidade entre vans á estrutura.

6.-Supresión da precarga proxectada como método de mellora do terreo, executando a laxa de acceso ao estribo 1 mediante unha cimentación profunda a base de micropilotes.

7.-Redeseño do traxecto peonil de modo que este sexa accesible en toda a súa lonxitude a persoas con mobilidade reducida. Dotouse tamén de iluminación ao paseo peonil.

As modificacións do viaduto, sobre o total, supoñen 228.944,03 euros. As modificacións da pasarela peonil, sobre o total, supoñen 123.687,97 euros. Os primeiros traballos relacionados coa execución da ponte comezarán este outono.

Asímismo e vinculado coas obras, o consello tamén ratificou a ampliación da Asistencia Técnica de Coordinación de Seguridade e Saúde das mesmas por un importe de 123.844 euros.