Os graneis sólidos manteñen a tendencia en positivo e palían o descenso de líquidos e mercadoría xeral, que se atenuou nos dous últimos meses

Os tráficos interanuais apuntan a un peche de ano en termos similares aos do pasado exercicio

Ferrol, 15 de xullo de 2024

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro semestre do ano cun movemento de tráficos de 3.655.932 toneladas. Nun exercicio marcado pola contracción da actividade, especialmente nos tres primeiros meses do 2024, os graneis sólidos mostran a cara máis positiva ao continuar nunha tendencia de crecemento mentres se rexistra un descenso tanto nos líquidos como na mercadoría xeral.

Así, segundo os datos rexistrados ao 30 de xuño, nas dársenas de Ferrol e San Cibrao movéronse na primeira metade do 2024 un total de 2.012.363 toneladas de graneis sólidos fronte ás 1.846.976 do mesmo período do exercicio anterior. Un incremento que contrasta coa situación dos líquidos e a mercadoría xeral que, a pesar de experimentar unha melloría no segundo trimestre con respecto aos tres primeiros meses do ano, continúan rexistrando cifras menores que no mesmo período do exercicio anterior. Así, a falta de datos consolidados, os graneis líquidos, tras alcanzar cifras récord no 2023, quedaron nas 1.285.928 toneladas nos seis primeiros meses. Pola súa banda, nos peiraos da Autoridade Portuaria movéronse 350.861 toneladas de mercadoría xeral.

As perspectivas apuntan a que o descenso do 23,7 % experimentado na primeira metade de 2024 se vaia paliando a medida que avanza o ano. O peche do semestre supuxo unha recuperación de catro puntos con respecto aos tráficos movidos nos tres primeiros meses (-27,7 %). Espérase que o ano peche en termos similares aos de 2023.

A tendencia repítese na terminal de contedores. O movemento rexistrado na primeira metade do ano apunta a unha recuperación progresiva da actividade, aínda que continúa en niveis inferiores aos do exercicio anterior. Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño contabilizáronse 67.899 toneladas (7.326 se o medimos en TEUs). A terminal acusa o bloqueo que se vive na Canle de Suez e o incremento de prezos que isto supón no sector dos contedores.

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, insiste desde a prudencia en que as perspectivas é que este ano termine con datos moi similares aos do pasado exercicio e a tendencia dos últimos meses, cunha paulatina melloría da actividade, apunta nesa dirección. “Movémonos nos parámetros esperados nun ano complicado para o sector marítimo a nivel global. Unha situación que afecta especialmente o tráfico de contedores xa que o bloqueo da Canle de Suez e a Canle de Panamá fai que haxa que buscar roteiros máis longos e que sexa máis complicado encher os contedores que sufriron un importante incremento de custos. Iso, nunha terminal en desenvolvemento como a de Ferrol, nótase especialmente. En calquera caso, o porto está actualmente nunha fase de transición cara a novos tráficos e aos poucos iremos vendo os resultados. Hai proxectos en desenvolvemento que supoñerán unha recuperación, non só do número de toneladas, senón o que é máis importante, do valor engadido que se deixará notar especialmente na comarca. Por ese valor engadido é polo que estamos a apostar e notarase especialmente nos graneis líquidos”, destaca Barea.