As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao contabilizaron 3,6 millóns de toneladas nos seis primeiros meses do ano fronte aos 3,4 millóns do mesmo período de 2025

Os graneis líquidos consolidan a súa tendencia en positivo cun incremento do 30% e 1,6 millóns de toneladas movidas, mentres se rexistra un retroceso nos sólidos e a mercancía xeral

Ferrol, 21 de xullo de 2026

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pecha o primeiro semestre do ano en positivo e movendo 221.964 toneladas máis que no mesmo período do pasado exercicio. Mantense así a tendencia á alza coa que pechou o 2025 e que se consolidou no arranque deste ano, aínda que ben é certo que nos últimos meses ese crecemento suavizouse. Así, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño movéronse nos peiraos do organismo portuario un total de 3.647.278 toneladas fronte ás 3.425.314 do primeiro semestre do ano pasado. Isto supón un incremento do 6,48% confirmando o bo comportamento dos portos de Ferrol e San Cibrao dentro do sistema portuario estatal.

Se analizamos os resultados atendendo o tipo de mercancía segundo a súa forma de presentación, os graneis líquidos seguen gañando cada vez máis peso. De feito, o gas natural continúa sendo o principal tráfico de Ferrol e o fuel experimentou un importante aumento, o que levou a que, ao peche do primeiro semestre, os graneis líquidos crecesen un 30% con respecto a xuño do 2025. En total movéronse nas dársenas dependentes da Autoridade Portuaria 1.612.905 toneladas de líquidos fronte aos 1.239.984 do ano anterior.

Este incremento contribúe a paliar o descenso tanto nos graneis sólidos como na mercancía xeral. No caso dos sólidos o descenso foi dun 6,9% xa que se contabilizaron 1.531.264 toneladas fronte ás 1.645.214 do primeiro semestre do ano pasado. En canto á mercancía xeral se estibaron e desestibaron nos peiraos da Autoridade Portuaria un total de 503.109 toneladas fronte ás 540.117 dos seis primeiros meses de 2025, o que supón unha caída do 6,85%.

En canto á terminal de contedores, continúa sendo sensible aos impactos que a situación xeopolítica ten no transporte marítimo. Neste primeiro semestre moveu 97.425 toneladas fronte ás 187.137 do mesmo período do 2025. Se o medimos en TEUs pasou de 17.223 aos 7.082 movidos nestes primeiros seis meses do 2026. As previsións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao apuntan a que pecharemos o ano en cifras lixeiramente superiores ás do exercicio anterior. A incorporación dunha nova liña de tráficos, a tendencia ao crecemento dos graneis líquidos, e a finalización das obras do ferrocarril, fundamental para a terminal de contedores, ofrecen perspectivas positivas para o futuro inmediato. En calquera caso, é necesario apelar á prudencia polo contexto internacional que vivimos e que incide directamente no comercio marítimo.