A Autoridade Portuaria pecha o 2025 cun incremento de tráficos do 5 % e supera os 6,9 millóns de toneladas movidas nos seus peiraos
A mercadoría xeral e os graneis líquidos crecen un 32,7 % e un 20,9 % respectivamente con respecto ao ano anterior, compensando o descenso do 9,9 % dos graneis sólidos
O último trimestre pecha en positivo, consolidando a tendencia á alza dun exercicio que rexistrou 332.396 toneladas máis que en 2024
As dársenas de Ferrol aumentaron un 16 % os seus tráficos, mentres que a situación de Alcoa provocou unha caída do 7,6 % en San Cibrao
Ferrol, 21 de xaneiro de 2026
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o exercicio de 2025 en positivo tras consolidar, no último trimestre, a tendencia á alza dos tráficos que se moveron nos seus peiraos. En total, nas dársenas dependentes do organismo portuario, contabilizáronse 6.985.745 toneladas, 332.396 máis que en 2024. Isto supón un incremento do 5 % nun ano no que o sistema portuario nacional viuse especialmente afectado polas tensións xeopolíticas que incidiron nos roteiros comerciais.
Atendendo ao tipo de mercadoría, a xeral é a que experimentou un maior incremento pasando de 673.193 toneladas a 893.133 en 2025, é dicir, un 32,67 % máis. A mercadoría xeral vai gañando peso no cómputo total do mesmo xeito que os graneis líquidos que experimentaron un aumento do 20,91 %. Entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 movéronse nos peiraos dependentes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, un total de 2.762.585 toneladas de graneis líquidos fronte ás 2.284.826 do mesmo período do ano anterior. Estes incrementos permitiron paliar a caída dos graneis sólidos que, co carbón xa practicamente inexistente, descenderon un 9,89 %. Durante o último ano movéronse nos portos de Ferrol e San Cibrao 3.330.028 toneladas de graneis sólidos fronte aos 3.695.330 do 2024.
Tamén na terminal de contedores o avance do ano favoreceu unha recuperación ata finalizar cun incremento importante de movementos. Tras pechar o 2024 en negativo, este último exercicio os datos volveron a ser favorables. Así, na terminal de Yilport contabilizáronse en 2025 un total de 22.564 TEU fronte aos 14.208 do ano anterior, o que supón un incremento dun 58,81 %. Se o medimos en toneladas, o crecemento é dun 71,84 % xa que se moveron 233.048 fronte ás 135.617 do pasado exercicio.
Os datos de tráficos de 2025 cumpren as previsións da Autoridade Portuaria xa que se esperaba un movemento similar ao do ano anterior. O crecemento do 5 % estaba, por tanto, dentro das expectativas do organismo portuario ao tratarse dun ano de transición nun porto en transformación. Algo que comeza xa a mostrar os seus primeiros resultados en Ferrol onde, cun total de 4,1 millóns de toneladas movidas, o crecemento foi dun 16,11 %. Un dato que mostra que, aos poucos, vaise superando a desaparición do carbón cuxo movemento é xa testemuñal e onde os graneis líquidos seguen gañando peso con máis de 2,6 millóns de toneladas movidas ao longo do ano e co gas natural como principal tráfico.
No caso de San Cibrao, a situación de Alcoa fai efecto nos resultados. Os tráficos descenderon un 7,62 % con 2.878.673 toneladas movidas fronte ás 3.116.117 do 2024 e lonxe dos 5,4 millóns do 2022.
“Os datos de 2025 coinciden coas previsións que tiñamos na Autoridade Portuaria. Sabiamos que este era un ano de transición e que os tráficos serían similares aos do exercicio anterior. Seguimos, por tanto, na liña marcada no plan de traballo para a transformación dos nosos portos”, destaca o presidente do organismo portuario, Francisco Barea. Insiste en que este 2026 a previsión é continuar cunha evolución paulatina dos tráficos, especialmente nas dársenas ferrolás, nun ano crave xa que se finalizará a obra da conexión ferroviaria que supoñerá un punto de inflexión para Ferrol. “Isto, unido ao avance de proxectos en marcha como as terminais de líquidos ou a incorporación de novas empresas contribuirán a que nos próximos anos os nosos peiraos intensifiquen a súa actividade. Aínda que nese porto que estamos a construír non importarán tanto as toneladas senón o valor que xeren na nosa área de influencia”, destaca Barea. O presidente do organismo portuario insiste na prudencia, especialmente cando estamos nun contexto internacional incerto que afecta os roteiros comerciais e á economía en xeral.