O consello de administración aproba conceder ao terminalista un total de 960 metros cadrados, por un prazo de 30 anos, para executar a obra do edificio en dúas fases

A empresa deberá presentar agora o proxecto construtivo para iniciar os traballos no prazo de seis meses, segundo o especificado no prego de condicións

Ferrol, 29 de maio de 2026

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu un novo paso adiante para impulsar o tráfico de cruceiros. O consello de administración celebrado esta mañá aprobou outorgar a Global Ports Ferrol S.L. a concesión para a construción e explotación da terminal de cruceiros do porto de Ferrol cun prazo de vixencia de 30 anos.

Trátase dunha área de 960 metros cadrados no peirao Espigón Exterior que se entregará ao terminalista en dúas fases. Nesta primeira, a empresa dispoñerá dunha parcela de 480 metros cadrados para executar a terminal que se ampliará, nunha segunda etapa, unha vez que o peirao estea plenamente operativo para a atracada de buques de cruceiro de grandes esloras. Ademais, dispoñerase dunha segunda instalación móbil para as ocasións en que as atracadas se realicen lonxe do edificio principal, permitindo así atender varias escalas simultáneas.

Unha vez outorgada a concesión, Global Ports Ferrol debe presentar o proxecto de construción para a primeira fase nun prazo de tres meses. O proxecto someterase á aprobación dos servizos técnicos da Autoridade Portuaria para a súa aceptación e permiso para o inicio das obras. A execución dos traballos para a construción da terminal iniciarase nun prazo de 6 meses desde o outorgamento da concesión. A terminal será de uso aberto a todas as navieras, consignatarias e prestadores do servizo portuario de pasaxe, o que favorecerá o incremento de escalas. No edificio da terminal centrarase boa parte do servizo á pasaxe, como a colocación e servizo de pasarelas ao buque e o guiado de pasaxe-ro, control de equipaxes e outras prestacións. O concesionario desenvolverá a súa actividade baixo os criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental.

Co outorgamento da concesión a Global Ports Ferrol para a construción da terminal, impúlsase un tráfico que xera un gran valor engadido para a cidade, como dinamizador da economía local, alén de proxectar a imaxe de Ferrol a nivel internacional. De feito, coa chegada de Global Ports prevese que o tráfico de pasaxeiros en Ferrol multiplíquese por catro nos próximos anos ata alcanzar os 80.000 pasaxeiros.

Outros asuntos

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao tamén aprobou outorgar autorización á empresa Pinto Basto Ibérica S.A. para a prestación do servizo comercial de consignación de buques e mercancías polo prazo de 10 anos.