A Autoridade Portuaria outorga a DBA Ferrol Port a concesión para instalar as súas oficinas no Edificio Prioriño do porto exterior
O consello de administración dá luz verde á petición presentada pola empresa para dispoñer de 115 metros cadrados no recinto
É a segunda compañía que se asentará no inmoble inaugurado en xuño e para o que xa se tramita unha terceira solicitude
O órgano de dirección aprobou renovar a Greenalia Logistics a autorización para seguir prestando o servizo comercial de consignación de buques e mercadorías
Ferrol, 11 de abril de 2025
O Edificio Prioriño continúa atraendo a atención das compañías portuarias e contará cunha nova empresa nas súas dependencias. O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou, na súa reunión desta mañá, outorgar a DBA Ferrol Port unha concesión para a instalación de oficinas no inmoble multiusos do porto exterior.
O órgano de dirección atendeu así a solicitude da empresa que ocupará un espazo de 115 metros cadrados na segunda planta do edificio e encargarase de realizar os traballos de acondicionamento no seu parte do recinto. O prazo da concesión é de 10 anos. DBA Ferrol Port será, por tanto, unha das empresas que se incorporan á inmoble propiedade da Autoridade portuaria no porto exterior de Ferrol. Trátase da compañía que actualmente está a realizar obras no espazo ocupado pola antiga Entabán para a construción de instalacións para almacenamento de hidrocarburos con capacidade para 90.000 metros cúbicos, o que supoñerá un importante impulso para o tráfico de graneis líquidos que se moven nas dársenas do organismo portuario.
DBA Ferrol Port é a segunda empresa que se instalará no Edificio Prioriño, despois de que Terminais Marítimos de Galicia obtivese a primeira concesión o pasado mes de outubro. Actualmente está en tramitación a solicitude dunha terceira empresa portuaria para ocupar parte do recinto do inmoble que se inaugurou en xuño do 2024 e que conta cunha superficie de 3000 metros cadrados distribuídos en planta baixa e dúas alturas.
Outros asuntos
O consello de administración tamén deu o visto e prace á solicitude de Greenalia Logistics, S.L. para renovar a autorización que lle permitirá seguir prestando o servizo comercial de consignación de buques e mercadorías. Así mesmo, na reunión de hoxe, tomou posesión como novo vogal do consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en representación do sector pesqueiro, Javier Sánchez Fernández, da Confraría de Pescadores de San Cibrao en substitución do patrón maior de Ferrol, Gustavo Chacartegui.