A AUTORIDADE PORTUARIA ORGANIZA UNHA XORNADA TÉCNICA PARA ABORDAR O PAPEL DO ORGANISMO NA RECUPERACIÓN ECONÓMICA
O evento desenvolverase este venres no CIS da Cabana e reunirá a máis dun centenar de asistentes ligados desde distintos perfís á comunidade portuaria.
Participarán como relatores desde responsables destacados das administracións públicas ata representantes de empresas como Navantia, Windar ou Forestal.
Ferrol, 2 de decembro de 2021
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organiza este venres día 3, a partir das 9.30 horas, unha xornada baixo o título O Porto, motor do cambio de Ferrolterra e A Mariña que analizará o papel que o organismo que preside Francisco Barea xogará na recuperación económica da zona. O evento prevé reunir no CIS da Cabana, en Ferrol, a máis dun centenar de asistentes ligados desde distintos perfís á comunidade portuaria. Así mesmo, contará coa participación do conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, que pechará a xornada; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López; e o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal ( Cofer), Cristóbal Dobarro Gómez, quen xunto ao propio presidente da Autoridade Portuaria serán os encargados de inaugurar o acto.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil; Santiago Álvarez González, subdirector de Proxectos Tractores de IGAPE; Enrique Mallón Otero, secretario xeral de ASIME; e Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, completan os relatores da segunda mesa que versará sobre o potencial dos portos no desenvolvemento económico e o seu papel como panca para a innovación.
Pouco despois, o director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jesús Casás López, falará sobre as oportunidades de crecemento que pode achegar o ente ao crecemento e recuperación das comarcas de Ferrolterra e da Mariña grazas a infraestruturas que as conecta co mundo.
O director de Diversificación da ría de Ferrol de Navantia, Manuel Bermúdez de Castro Muñoz; o delegado en Galicia de Windar Renovables; e o director financeiro de Forestal do Atlántico, Alberto López Pampín repasarán o que o porto de Ferrol achega ao crecemento das empresas das que forman parte.
A xornada poderase seguir en directo por streaming a través da páxina oficial da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (www.apfsc.com) e contará con linguaxe inclusiva de signos.