A AUTORIDADE PORTUARIA ORGANIZA EN CURUXEIRAS A IV XORNADA DE PESCA INFANTIL
A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 13 anos e desenvolverase o próximo 7 de outubro no porto interior de Ferrol
O prazo para inscribirse, a través da páxina web da APFSC, estará aberto entre o 21 e o 28 de setembro e darase prioridade ás persoas que non participasen na edición anterior
Ferrol, 19 de setembro de 2023
O éxito de anteriores edicións levou á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao a dar continuidade a unha das actividades dirixidas aos máis pequenos: a Xornada de Pesca Infantil. Con este motivo organiza a cuarta edición desta cita que se celebrará o próximo 7 de outubro, sábado, no espigón exterior do porto interior de Ferrol entre as 9:30 e as 13:30 horas. A actividade, que en anteriores edicións contou cunha gran acollida, está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 13 anos.
Os participantes, que deben acudir acompañados dun adulto e levar o seu propio equipo de pesca, estarán guiados durante a xornada por monitores especializados que se encargarán de ensinarlles as nocións básicas para iniciarse nesta actividade. Ademais, ao finalizar, haberá entrega de agasallos aos asistentes.
A actividade, de carácter gratuíto, ten un límite de prazas de 40 participantes que deberán anotarse previamente e darase preferencia ás persoas que non participasen na edición anterior, co obxectivo de abrir así a actividade ao maior número de nenos e nenas. O prazo para inscribirse ábrese este xoves, 21 de setembro, e permanecerá ata o próximo 28 de setembro.
Tanto o programa da xornada como o formulario de inscrición están xa dispoñibles na páxina de web da APFSC, www.apfsc.com. Os interesados en participar deberán descargar o formulario e remitilo, unha vez cumprimentado, ao correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es.