A AUTORIDADE PORTUARIA OBTÉN O SEGUNDO MELLOR RESULTADO ECONÓMICO DA SÚA HISTORIA
O organismo que preside Francisco Barea finalizou 2022 cun beneficio de 4,3 millóns que se destinarán a mellorar a competitividade do porto para atraer nova industria e a reforzar as actuacións do programa Porto-Cidade
O exercicio pechouse cun volume de negocio de 20,7 millóns de euros, un 26,2 % máis que no ano anterior e só superado polos 21 millóns do 2012
Ferrol, 23 de maio de 2023
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (APFSC) pechou o 2022 con resultados positivos, non só no referente ao incremento de tráficos (+18,5 %), senón tamén desde o punto de vista da xestión económica. Así o exercicio pechouse cun volume de negocio de 20.671.000 euros, o que supón un 26,2 % máis que no ano anterior, con 16,3 millóns de euros, e o segundo mellor resultado da serie histórica, superando así a perda de peso do carbón e o descenso rexistrado en San Cibrao pola conxuntura pola que atravesa a única concesionaria da Mariña. Hai que remontarse a 2012, con 21 millóns de euros, para atopar unha cifra de negocio superior.
Dos case 20,7 millóns obtidos o ano pasado, preto de 19,4 millóns corresponden a taxas portuarias e os 1,3 millóns restantes a outros ingresos de negocio. Ademais, o organismo que preside Francisco Barea rexistrou un crecemento absoluto, despois de impostos, de 4,3 millóns de euros fronte aos 2,6 do 2021. Pecha así un novo exercicio económico en positivo o que lle permite reforzar a súa capacidade investidora e o papel de impulsor da economía en Ferrolterra e A Mariña.
Con ese obxectivo, o beneficio obtido durante o pasado ano destinarase, en gran medida, a seguir mellorando as infraestruturas portuarias, o que supoñerá unha maior competitividade, co propósito de seguir incrementando a implantación de nova industria, contribuíndo así á creación de emprego e o crecemento económico da súa área de influencia. Tamén se reforzará o investimento destinado ás actuacións do programa Porto-Ciudad, un dos grandes eixos de actuación do organismo portuario, ademais de seguir posibilitando o seu autofinanciación.
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao culmina así un ano, o 2022, cun destacado crecemento. Os tráficos incrementáronse un 18,5 %, ao pasar de 9,96 millóns de toneladas en 2021 aos 11,81 millóns do ano pasado, a pesar do descenso do 6 % rexistrado na Mariña. No referente aos resultados económicos, o incremento porcentual foi maior, un 26, 2 %, debido á achega dos tráficos de Ferrol fronte aos de San Cibrao. Así, cada tonelada adicional que se move nos portos ferroláns, compensa preto de catro toneladas do mesmo grupo arancelario que se poidan perder en San Cibrao.
Entre as claves dos bos resultados destaca o traballo realizado polo organismo portuario na súa aposta pola diversificación dos tráficos e o desenvolvemento da terminal de contedores _o que se traduce nun crecemento da mercadoría xeral_, e polo incremento dos graneis líquidos, con especial mención ao gas natural licuado e o fueloil. Isto permitiu compensar o descenso do carbón, en plena transición enerxética, e a situación pola que atravesa a concesionaria de San Cibrao.