A AUTORIDADE PORTUARIA LIDERA O DESPEGUE DO SECTOR EN ESPAÑA Ó AUMENTAR OS SEUS TRÁFICOS POR PRIMEIRA VEZ EN CATRO ANOS E ASÍ SUPERAR OS NIVEIS PREPANDEMIA
O ente que preside Francisco Barea pecha o exercicio cun crecemento do 18,3 % ao mover 11,7 millóns de toneladas fronte aos 9,9 do 2021
Os datos reforzan a aposta pola diversificación: deuse o mellor resultado da serie histórica, excluíndo o carbón, con 10,4 millóns de toneladas cargadas e descargadas durante o pasado ano
A terminal de contedores dispara a súa actividade cun incremento dun 120 % durante o 2022 ao contabilizar 37.100 TEU fronte aos 16.800 do ano anterior
Ferrol, 11 de xaneiro de 2023
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao crece por primeira vez en catro anos e pecha o exercicio cun incremento dos tráficos do 18,35 % con respecto ao ano anterior. Fronte ás 9.943.476 do 2021, durante o 2022 movéronse polos seus peiraos un total de 11.768.030 toneladas: máis de 6,3 millóns nas dársenas de Ferrol e 5,4 na de San Cibrao. Isto supón que a actividade das empresas que operan no ámbito portuario supera, por primeira vez, os niveis prepandemia. Hai que remontarse a 2018, coa central térmica das Pontes a plena produción, para atopar un mellor resultado.
O balance a peche do exercicio consolida a aposta do organismo pola diversificación dos tráficos en plena transición enerxética, os novos sectores e as mercadorías que xeran valor engadido. Así, se excluímos o carbón, nos peiraos de Ferrol e San Cibrao movéronse durante o pasado exercicio un total de 10,5 millóns de toneladas, o que supón o mellor resultado da serie histórica.
Analizando as distintas mercadorías, segundo a súa forma de presentación, a xeral incrementouse un 25,85 % (977.913 toneladas) cun destacado aumento dos aeroxeradores e a madeira, seguidas dos graneis líquidos cun 24 % máis (3,9 millóns de toneladas) e os graneis sólidos cun crecemento do 14,39 % (6,8 millóns de toneladas) con respecto ao exercicio anterior. Especialmente destacado é o incremento experimentado pola terminal de contedores, que moveu un 120 % máis, se o contabilizamos en TEUs, que no 2021.
O balance desagregado reflicte que o ranking de mercadorías en 2022 ségueo liderando a bauxita, con 3.764.121 toneladas movidas, un 9,2 % menos que en 2021. Séguelle o GNL, con 1.748.898 toneladas, e completan os cinco primeiros postos a alúmina (1.455.899), o fueloil (1.386.383) e o carbón en quinta posición con 1.190.706 toneladas que se moveron, tanto en tránsito como con destino á terminal das Pontes.
O crecemento experimentado polos tráficos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao sitúase por encima da medida nacional. Así, con datos comparativos do período entre xaneiro e novembro, creceu catro veces máis que a media do conxunto do sistema. Ademais, o porto de Ferrol, xunto cos de Alacante, A Coruña, Ceuta e Cartaxena, lidera o despegamento do sector en España.
A terminal de contedores, á alza
Una das grandes apostas do ente que preside Francisco Barea para o porto exterior de Ferrol é a terminal de contedores que, dende a chegada de Yilport, experimentou un crecemento constante. Esa expansión disparouse durante o 2022 tras a incorporación de novas liñas, entre elas a X-Press Feeder, que conecta Ferrol cos principais portos de mercadorías de todo o mundo, especialmente con China e Estados Unidos, vía Alxeciras.
Os datos consolidados de peche do exercicio desvelan que o número de TEUs incrementouse un 120,28 % cun movemento de 37.100 entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, fronte aos 16.842 do ano anterior. Se se mide en toneladas o incremento é do 155,15 % ao pasar das 161.335 do 2021 ás 411.649 do 2022 e a previsión é que o crecemento continúe nos próximos exercicios.
En canto ao tráfico de cruceiros, o fin das restricións derivadas da pandemia levou a unha recuperación do sector. Durante o 2022 pasaron por Ferrol un total de 13.244 cruceiristas en 15 buques, unhas cifras moi superiores ás dos dous anos precedentes xa que tanto no 2020 como no 2021 o número de pasaxeiros apenas superou os 3.000. Tamén o tráfico de ría contabilizou 13.024 viaxeiros. En total, o número de pasaxeiros que pasaron polos peiraos da Autoridade Portuaria creceu un 176 %.
“Son datos positivos que nos animan a continuar traballando nesta liña. Seguimos apelando á prudencia porque somos conscientes da situación de incerteza na que nos movemos polo contexto internacional, pero os datos do pasado exercicio indícannos que estamos no bo camiño. A aposta pola diversificación dos tráficos, especialmente ante a transición enerxética que vivimos, e pola terminal de contedores de Yilport co movemento de mercadoría que xera valor engadido, e que todo indica que seguirá crecendo, están a dar bos resultados. Seguiremos traballando nesa dirección e sumando novas liñas de negocio para abrir, desde esta Autoridade Portuaria, novas oportunidades para Ferrolterra e A Mariña”, explica o presidente da APFSC, Francisco Barea.