A AUTORIDADE PORTUARIA INVITA A COÑECER POR DENTRO O FARO DE ESTACA DE BARES E, EN LANCHA, AS SINAIS MARÍTIMAS DA RÍA DE FERROL
Celebra o primeiro Día Mundial das Axudas á Navegación cun completo programa de actividades que tamén inclúe conferencias e unha xornada de portas abertas na súa exposición de Exponav.
Ferrol, 17 de xuño de 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao xestiona, controla e mantén 155 axudas á navegación marítima. Despregado entre as rías de Ares e Ribadeo, este complexo sistema resulta fundamental para o correcto guiado das embarcacións. Consta de 9 faros e 146 sinais, incluídas enfilacións, torres, torretas, postes, boias e outras clases de balizas.
Co fin de visibilizar a importancia que estes elementos teñen, o 1 de xullo celébrase o primeiro Día Mundial das Axudas á Navegación Marítima. O acto central a nivel internacional terá lugar en Mallorca, baixo a coordinación de Portos do Estado. Non obstante, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao decidiu sumarse a esta iniciativa cun completo programa de actividades.
O sábado 29 de xuño, o organismo que preside José Manuel Vilariño abrirá á cidadanía o faro de Estada de Bares (concello de Mañón), que é o de maior alcance (25 milla náuticas, 46,3 quilómetros) de todos os que teñen ao seu cargo. As persoas que desexen coñecer por dentro este edificio e o seu funcionamento poderá facelo gratis, acompañadas dun guía e previa reserva. Duns 25 minutos de duración cada unha, haberá visitas ás 10.00, ás 10.30, ás 11.00, ás 11.30, ás 12.00, ás 12.30, ás 13.00, ás 14.00 e ás 14.30 horas. As cen prazas dispoñibles asignaranse por orde de solicitude entre todos aqueles que formalicen peticións.
Ese mesmo sábado e tamén sen coste para os pasaxeiros, a Autoridade Portuaria organizará un recorrido en lancha pola ría de Ferrol para que os asistentes poidan ver en estado diúrno e nocturno os diferentes tipos de sinais marítimas que hai na zona: boias, enfilacións, faros, torres… Cun inicio no porto interior ás 22.00 horas, este paseo concluirá cara as 23.30. Igualmente, as cen prazas dispoñibles asignaranse por orde de petición.
¿Como participar? Tanto para a visita ao faro como para o recorrido en barco pola ría, basta con enviar un correo electrónico á dirección prensa@apfsc.es indicando o nome e apelidos do solicitante, así como a súa idade e DNI, e, no seu caso, os mesmos datos dos acompañantes. Así mesmo, atenderanse solicitudes a través do teléfono móbil 608 001 146, de luns a xoves, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.
Xa para o propio 1 de xullo, a Autoridade Portuaria convoca unha conferencia sobre sinais marítimas na sala Carlos III de Exponav (Ferrol). A partir das 11.15 horas, intervirán o coordinador de Seguridade Marítima da Capitanía Marítima de Ferrol, Domingo Pose Edrera; o director executivo da empresa Mediterráneo Sinais Marítimas, Antonio Martínez Tanco, e o responsable de Sistemas de Axuda á Navegación da Autoridade Portuaria, Ignacio Fernández Fernández.
Ademais, ese luns organizará unha xornada de portas abertas na exposición permanente de faros e sinais marítimas que acolle o Museo da Construción Naval, no ferrolán edificio de Herrerías. Duns 25 minutos de duración cada unha, haberá visitas guiadas gratuítas ás 10.00, ás 10.30, ás 13.00, ás 13.30, ás 14.00 e ás 14.30 horas. Para isto non se necesitará reserva previa de prazas.
A referida mostra recolle pezas de Portos do Estado e fondos propios rehabilitados pola Autoridade Portuaria. Entre elas destacan a antiga óptica de Estaca de Bares (1850-1962) e unha boia de canal de 2 metros de diámetro e 9,5 de altura.