A AUTORIDADE PORTUARIA INICIA A POSTA EN VALOR DA FACHADA MARÍTIMA DE FERROL LICITANDO A RECUPERACIÓN DA ANTIGA COMANDANCIA NAVAL
As obras no edificio sairán a concurso cun prazo de execución tope de 21 meses e un orzamento máximo de case 1,6 millóns de euros.
O proxecto aprobouno esta mañá o consello de administración da institución na primeira reunión telemática da súa historia.
Ferrol, 6 de maio de 2020
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao celebrou esta mañá a primeira reunión telemática da súa historia. Nela aprobou o proxecto de rehabilitación da antiga Comandancia Naval, así como as prescripcións e cláusulas que rexerán a contratación da obra e o seu desenvolvemento. Esta actuación contribuirá a poñer en valor a fachada marítima da cidade, xunto con outras dúas que se atopan en trámites: a recuperación do vello edificio de Aduanas e a desafectación da Casa do Mar para que poida funcionar con usos turísticos.
Tralo paso dado hoxe, os traballos na antiga Comandancia Naval licitaranse formalmente xa nas próximas semanas. Construído en 1931, o inmoble integrarase coa actual sede da Autoridade Portuaria, dando así lugar a un único edificio con dous bloques que quedarán conectados polas súas plantas baixas e unidos polos seus semisotos. Solucionaranse desta maneira os problemas de espazo que ata a data teñen impedido dar resposta óptima ás necesidades de persoal e usos que foron xurdindo co paso dos anos.
Entre outras intervencións, o proxecto de rehabilitación da Comandancia inclúe o baleirado do seu interior para executar unha nova estrutura, a mellora da accesibilidade, o cambio de carpinterías, o embelecemento da fachada, a excavación no soto para sanear soleiras e eliminar humidades, a substitución da cuberta de fibrocemento por unha acabada en zinc e a eliminación de volumes impropios adosados ao inmoble, como os da parte posterior e o situado sobre a lanterna. “O corpo volverá ao seu estado orixinal, moito máis coherente e proporcionado”, recolle o prego de prescripcións técnicas.
O contrato sairá a concurso público cun orzamento máximo de 1.580.317,43 euros máis IVE e un prazo tope de execución de 21 meses. Inscríbese no plan de inversións da Autoridade Portuaria e conta co aval de Portos do Estado e informe favorable da Abogacía do Estado.