Qihe Biotech, líder no sector da produción e comercialización de cogomelo shiitake a nivel mundial, elixe Ferrolterra polas potencialidades da terminal de contedores e a presenza de Atium Logistic

A APFSC axuda á compañía na localización dunha nave nas Pontes que se adapta ás necesidades da nova planta e permite unha boa conexión coa dársena de Caneliñas

Francisco Barea traslada o seu respaldo a unha iniciativa que “demostra as oportunidades que abre o porto exterior como dinamizador da industria e a xeración de emprego. Isto, con todo, ten que ir acompañado dun chan industrial do que carece a cidade”

Ferrol, 6 de marzo de 2023

O porto de Ferrol atrae a unha empresa chinesa que quere implantarse en Galicia para dar saída aos seus produtos a través da terminal de contedores e de Atium Logistic. Trátase de Qihe Biotech, unha compañía líder na produción e comercialización de cogomelos a nivel mundial, que contou co respaldo da Autoridade Portuaria para buscar unha localización en Ferrolterra na que establecer a súa planta de produción en España.

As instalacións da darsena de Caneliñas e a próxima incorporación da empresa de loxística son dúas das claves para que a compañía chinesa opte pola comarca para desenvolver o seu negocio en España. Ante a imposibilidade de implantarse en chan portuario, a APFSC decidiu dar apoio á empresa para buscar unha localización nas inmediacións que cumprise o requisito de proximidade e boa conexión co porto exterior. Uns condicionantes que reúne unha nave situada en As Pontes e que se adapta ás necesidades da firma para poñer en marcha a súa planta de cogomelos en Galicia.

Unha delegación Qihe Biotech, encabezada polo seu presidente, Jianchang Su, visitou esta mañá a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para explicar con detalle o seu proxecto para a comarca. No encontro, ao que asistiron tamén dous representantes de Atium Logistic e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o presidente da APFSC, Francisco Barea, trasladou o compromiso do organismo que preside de seguir acompañando á empresa na súa implantación na comarca. Deste xeito, darán continuidade a unha colaboración que permitirá que Ferrolterra poida contar cunha nova industria que dará saída aos seus produtos a través do porto exterior, dinamizando así a economía e potenciando a xeración de emprego.

“É unha oportunidade que non podemos perder”, asegurou o presidente da Autoridade Portuaria que trasladou o seu apoio aos plans da empresa. Para Francisco Barea, o proxecto de Qihe Biotech “demostra as posibilidades que se abren para Ferrol e para toda a comarca coa aposta pola terminal de Yilport e a chegada de operadores como Atium, que potencian o rol do porto como dinamizador da industria e a xeración de emprego”. Para iso, destacou, é necesario que “o traballo que estamos a facer na Autoridade Portuaria vaia acompañado de chan industrial que permita ás empresas que queren instalarse en Ferrol poder dispoñer de parcelas adecuadas, a prezos competitivos e con boas conexións co porto exterior. Todo este traballo ten que ir acompañado dun chan industrial do que a cidade carece”.

Qihe Biotech está situada na provincia de Shandong. Na actualidade conta con máis de 800 empregados e ten máis de 1, 2 millóns de metros cadrados de base de produción de fungos comestibles, exportando os seus produtos a países como Corea do Sur, Xapón, Estados Unidos, Alemaña, España, Australia e Sudáfrica, entre outros. Agora, decidiu investir na creación dunha fábrica de produción de cogomelos en España na que ten previsto implantar as técnicas e procedementos máis avanzadas na produción de fungos comestibles. O obxectivo é dar saída á produción que realice en Galicia a través da terminal de contedores que lle permite chegar a todo o mundo. Farao por medio de Atium Logistic, a empresa de loxística que a partir de abril incorpórase como nova concesionaria do porto de Ferrol. Ocupará a antiga nave de graneis de 9.600 metros cadrados e xerará 50 postos de traballo.

O porto exterior xoga así un papel estratéxico nos plans da empresa chinesa para desenvolver o seu negocio en España. Qihe Biotech solicita o apoio das administracións para poder facer realidade un proxecto que contribuirá ao desenvolvemento de Ferrol e a súa comarca.