A Autoridade Portuaria executa as tres obras complementarias da conexión ferroviaria cun investimento de 11 millóns de euros
O organismo portuario acomete a adecuación das vías interiores, a construción dunha vía de espera e a renovación do ramal de acceso ao porto interior nos terreos da súa titularidade
Os traballos mellorarán a competitividade do ferrocarril entre os portos interior e exterior que supón un investimento de 120 millóns, a maioría financiados con fondos propios
Francisco Barea reclama a ADIF celeridade no inicio da súa obra ata a estación para non interferir na posta en servizo do tren en 2026
Ferrol, 28 de outubro de 2025
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dá un novo paso adiante para a posta en marcha do acceso ferroviario. Coa conexión entre o porto interior e exterior afrontando a recta final, o organismo portuario acomete xa as tres obras complementarias en terreos da súa titularidade que supoñen un investimento total de 11,1 millóns de euros. Deste xeito, están xa en execución a renovación da vía que discorre encostada ás naves do porto interior, unha vía de espera na entrada do porto e a renovación das vías do ramal de acceso no ámbito de titularidade da Autoridade Portuaria ata a súa conexión cos terreos de ADIF. A previsión é que estas tres obras estean finalizadas a mediados do próximo ano completando así a infraestrutura ferroviaria e á espera de que ADIF realice a adaptación dos 1.800 metros da conexión coa estación nos terreos da súa propiedade.
A primeira das actuacións está a executarse no interior do porto ferrolán. Ten unha lonxitude total de 1538 metros ao aire libre entre a chaira de espera e o Peirao Espigón exterior. Os traballos execútanse mantendo a rasante actual dos viais polos que transcorre e contará con dobre ancho métrico e ibérico. O investimento é de 4.744.834 millóns de euros e dará servizo ás naves da dársena ferrolá.
As outras dúas actuacións están a executarse na parte exterior do porto. Trátase, por unha banda, da execución dunha vía de espera, previa á entrada, cunha lonxitude de 350 metros con dobre ancho métrico e ibérico, instalando travesas que permitan nun futuro a inclusión dun cuarto fío. Estes traballos teñen un orzamento de 1.421.890 euros.
A terceira das obras complementarias que están en marcha corresponde ao ramal de acceso que comunica o porto interior coa estación en terreos que son titularidade da Autoridade Portuaria. Cun investimento de 5.077.938 millóns de euros supoñerá a renovación da vía incluíndo todos os elementos da superestrutura ferroviaria, así como as actuacións derivadas da incorporación dun terceiro fío para habilitar a circulación en ancho métrico nas dúas vías de acceso ás instalacións do porto. Esta actuación realízase nun tramo de 720 metros desde a entrada ao porto interior ata a terreos propiedade de ADIF que deberá acometer os 1.820 metros restantes ata a estación, tal e como recolle o convenio asinado coa Autoridade Portuaria e Portos do Estado.
Neste sentido o presidente do organismo portuario, Francisco Barea, urxe a ADIF o comezo dos traballos: “Co inicio das tres obras que estamos a executar no porto interior, a Autoridade Portuaria ten xa finalizadas ou en execución todas as infraestruturas relacionadas coa conexión ferroviaria. Agora o que necesitamos é que ADIF inicie o seu parte, entre o porto e a estación, nos terreos que son da súa titularidade. Son 1.800 metros cuxa renovación está xa adxudicada pero que non teñen data de inicio. Iso supón un hándicap importante xa que os traballos implican un corte de vía de, polo menos, 13 meses. Se Adif non comeza, atoparémonos que o próximo ano a conexión portuaria estaría finalizada pero non poderían chegar os trens. Por iso urximos a ADIF a acometer as obras canto antes”.
Unha conexión ferroviaria financiada con fondos propios
A realización das tres obras que acomete a Autoridade Portuaria, unida a rede de vías interna finalizada xa no porto exterior, complementan o acceso ferroviario que unirá os portos interior e exterior e que supuxo todo un reto de enxeñería. Estes traballos afrontan a recta final unha vez que o viaduto sobre A Malata xa tocou terra na Graña. A previsión é que estea terminada nos primeiros meses do próximo ano para a súa posta en servizo no segundo semestre de 2026. Trátase dunha actuación que supoñerá un antes e un despois para as dársenas ferrolás e na que se invisten ao redor de 120 millóns. Deles, a maioría están realizadas con fondos propios da Autoridade Portuaria a través dun préstamo xa que unicamente 47 son achegados por fondos europeos. Neste sentido, o presidente do organismo portuario ha solicitado a colaboración do Goberno central para financiar unha obra fundamental para a proxección do porto de Ferrol e o desenvolvemento económico da súa área de influencia.