A AUTORIDADE PORTUARIA E O CLUB DO MAR ORGANIZAN UNHA XORNADA DE INICIACIÓN Á VELA PARA OS MÁIS NOVOS
A actividade celebrarase o próximo 16 de abril no peirao de Curuxeiras e está pensada para unha franxa de idade entre os 10 e os 15 anos
Os interesados deberán inscribirse previamente cumprimentando un formulario que está dispoñible na web da APFSC
Ferrol, 3 de abril de 2023
Promover a afección aos deportes náuticos entre os máis novos e aunar mar e vida sa. Ese é un dos obxectivos da xornada de iniciación á vela de cruceiro que se celebrará no porto de Ferrol. A actividade está organizada pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e polo Club do Mar e celebrarase o domingo 16 de abril entre as 10:00 e as 13:30 horas. Está dirixida a persoas de entre 10 e 15 anos.
A xornada, que ten un límite de 40 prazas, comezará en Curuxeiras cunha charla informativa aos asistentes por parte de persoal cualificado do Club do Mar para inicialos no mundo da vela. A continuación, comezará a segunda parte da actividade, máis práctica, cun paseo pola ría nas distintas embarcacións. Simularase a saída dunha regata para que os participantes poidan coñecer e experimentar os distintos procedementos relacionados con este deporte. En todo momento estarán acompañados polo patrón da embarcación e por persoal cualificado. Trátase de achegar aos máis novos ao mundo da vela e promover a afección polos deportes acuáticos. Ao finalizar a xornada farase entrega de obsequios a todos os asistentes.
A actividade é gratuíta aínda que é preciso inscribirse previamente a través da páxina web da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (www.apfsc.es). Aí atópase habilitado unha ligazón ao programa e ao formulario de inscrición. Unha vez cumprimentado deberá enviarse, entre o 4 e o 12 de abril, ambos inclusive, ao correo puertoyciudad@apfsc.es.
A xornada de iniciación á vela forma parte do programa de actuacións Porto-Cidade coas que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pretende achegar o porto aos cidadáns, neste caso os máis novos, e ao mesmo tempo fomentar a afección polos deportes relacionados co mar.