A AUTORIDADE PORTUARIA E FERROL VELLO REMEMORAN A HISTORIA DA INDUSTRIA DO BACALLAU COA CELEBRACIÓN DAS SEGUNDAS XORNADAS DEDICADAS A PYSBE
“Ventos de Bacallau e PYSBE. De Ferrol a Terranova” desenvolveranse do 7 ao 9 de xullo en Curuxeiras co obxectivo de lembrar a importancia da factoría no desenvolvemento de Ferrol e render unha homenaxe ao persoal da frigorífica
Ademais dunha mesa redonda sobre pesca e bacallau, as actividades contarán cunha parte gastronómica con cociña en vivo, cata-maridaxe, a presentación dun receitario e unha comida elaborada por Javier Vidal e Antonio Cacho
Francisco Barea destacou o apoio do organismo portuario a unha iniciativa que poñen en valor a historia da cidade e pretende converter ao porto nun lugar de encontro para todos os ferroláns
Ferrol, 27 de xuño de 2023
A historia de PYSBE volve ao peirao de Curuxeiras. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e veciños e hostaleiros de Ferrol Vello volveron a unirse para recuperar, por segundo ano, a memoria da industria do bacallau, que marcou a historia de Ferrol coa implantación no porto da empresa Pesqueiras e Secaderos de Bacallau (PYSBE) na primeira metade do século XX. Con este obxectivo desenvolveranse, do 7 ao 9 de xullo, as xornadas “Ventos de Bacallau e PYSBE. De Ferrol a Terranova”. Un programa de actividades, abertas a todos os cidadáns, que pretenden profundar na importancia da factoría no desenvolvemento do porto e de toda a comarca e render homenaxe aos traballadores e traballadoras da empresa.
O presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a presidenta da AA.VV. de FerrolVello, María José Peñiza; o presidente da asociación de hostaleiros de Ferrol Vello, Álvaro González e o portavoz da comisión organizadora, Emilio Romero, foron os encargados de explicar o obxectivo e os actos deste programa de homenaxe á frigorífica e os seus traballadores. As xornadas celebraranse no peirao de Curuxeiras, no lugar onde se levantaba a factoría. As actividades comezarán o venres, 7 de xullo, cun encontro de embarcacións tradicionais e unha mesa redonda, con coloquio, sobre a pesca e o bacallau que se celebrará na Sala Curuxeiras ás 19:30 horas. Nela participarán a antropóloga Rosa García Orellán, a arqueóloga Ivone Baptista e a historiadora e escritora Esperanza Piñeiro de San Miguel.
Nesta segunda edición, as xornadas potencian a parte gastronómica con diversas actividades que van desde cociña en vivo, ata un xantar popular e a presentación dun libro de receitas. Todo iso co bacallau como protagonista. Así, o sábado 8 de xullo, ás 19:00 horas se presetará o libro “Receitas para encher ou peito” do cociñeiro Xoanqui Ameixeiras. Tras a presentación haberá un showcooking no que elaborará dous petiscos de bacallau para degustar. A xornada gastronómica do sábado complétase cunha cata-maridaxe con petiscos de bacallau elaborados en directo polos cociñeiros Javier Vidal (Pío) e Antonio Cacho. Eles serán tamén os encargados de preparar o xantar a base de bacallau que se celebrará o domingo, 9 de xullo, ás 14:30 horas.
O programa de actividades completarase con obradoiros de nós mariñeiros para os máis pequenos e varias actuacións musicais que amenizarán as xornadas durante a fin de semana.
Un punto de encontro para os ferroláns
O presidente da APFSC, Francisco Barea, destacou durante a presentación que estas xornadas pretenden ser un fiel reflexo da importancia de PYSBE, do compromiso que o porto mantivo e mantén co impulso e o desenvolvemento de Ferrol e a súa comarca, e unha homenaxe aos traballadores e traballadoras da factoría.
Así mesmo, destacou a importancia destas actividades que nos permiten poñer en valor a nosa historia, a historia de Ferrol, e converter ao porto nun lugar de encontro. “Queremos encher de actividade Curuxeiras, que sexa un atractivo para a cidade, que os ferroláns sintan de verdade que é un espazo para eles. Gustaríanos, e traballamos nese sentido, para que máis aló da actividade comercial, o porto de Ferrol sexa un referente tamén para os cidadáns. Cando dicimos que o porto é un impulso económico e social, non só referímonos á parte comercial e industrial, que é fundamental, senón tamén a iniciativas como esta que nos permiten chegar á sociedade”.
Francisco Barea destacou o traballo realizado polos veciños e hostaleiros de Ferrol Vello aos que trasladou o apoio da Autoridade Portuaria. Tamén agradeceu a presenza do alcalde de Ferrol na presentación dunha iniciativa “permite dinamizar a cidade desde o punto de vista social e da economía local”.