A AUTORIDADE PORTUARIA E FERROL VELLO RECUPERAN A HISTORIA DA INDUSTRIA DO BACALLAU E A ACTIVIDADE DE PYSBE NA CIDADE
As xornadas “ Ventos de Bacallau e PYSBE. De Ferrol a Terranova” rememorarán a importancia da factoría no desenvolvemento de Ferrol e a comarca
As actividades completaranse coa cociña en vivo do chef Dani López e unha exposición que reunirá fotografías antigas, planos e obxectos orixinais da empresa que se converteu na primeira armadora do país
O presidente da APFSC, Francisco Barea, destacou que os actos pretenden render unha homenaxe aos traballadores e traballadoras da frigorífica e ser unha mostra do compromiso do porto coa sociedade ferrolá
Ferrol, 15 de xuño de 2022
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e veciños de Ferrol Vello únense para recuperar a memoria dunha industria, a do bacallau, que marcou a historia de Ferrol coa implantación no porto da empresa Pesqueiras e Secaderos de Bacallau ( PYSBE) na primeira metade do século XX. Con este obxectivo desenvolveranse unha serie de actividades abertas a todos os cidadáns, para profundar na importancia da factoría no desenvolvemento do porto e de toda a comarca e para render homenaxe aos traballadores e traballadoras da empresa.
O presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea; o presidente da AA.VV. de Ferrol Vello, Manuel Zapata, e o portavoz da comisión organizadora, Emilio Romero, foron os encargados de explicar o obxectivo e os actos deste ciclo de homenaxe á frigorífica e os seus traballadores. Entre as actividades programadas destacan as xornadas “ Ventos de Bacallau e PYSBE. De Ferrol a Terranova”, que se celebrarán do 24 ao 26 de xuño no peirao de Curuxeiras, no lugar onde se levantaba a factoría.
As xornadas comezarán o venres 24 de xuño, ás 19:00 horas, cunha mesa redonda na que participarán os historiadores Guillermo Llorca e Henrique Sanfiz, o biólogo Joám Luís Ferreiro “ Cesio” e o profesor e músico Xurxo Souto. O sábado, 25 de xuño, celebrarase a xornada gastronómica cunha clase de alta cociña impartida polo chef d’Ou Camiño do inglés, Dani López, que cociñará tres pratos baseados no receitario de PYSBE. A tarde completarase cunha cata de maridaxe de viños con bacallau para os asistentes. A última xornada do domingo, 26 de xuño, se reserva para o Xantar de Bacallau con cociña en directo e a amenización musical a cargo de Manolo Bacallau.
A exposición
Como parte das xornadas a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organiza a exposición titulada “ PYSBE. A primeira gran industria do porto de Ferrol”, que se poderá visitar do 17 ao 26 de xuño na sala de exposicións de Curuxeiras.
A mostra, dividida en catro apartados, pretende facer un percorrido pola historia da empresa a través de fotografías, planos e obxectos orixinais entre os que se atopa un receitario de PYSBE do ano 1936. A maioría dos fondos que forman parte da mostra pertencen ao arquivo da Autoridade Portuaria pero tamén realizaron importantes achegas o Museo Naval de Ferrol, veciños da cidade, empresas e traballadores do porto.
O presidente da APFSC, Francisco Barea, destacou durante a presentación que estas xornadas pretenden ser un fiel reflexo da importancia de PYSBE, do compromiso que o porto mantivo e mantén co impulso e o desenvolvemento de Ferrol e a súa comarca, e unha homenaxe aos traballadores e traballadoras da factoría.
Así mesmo, destacou que estas xornadas son o resultado da colaboración entre o porto e os ferroláns, un dos principais empeños da Autoridade Portuaria. Trátase de rememorar, destacou, a historia e dala a coñecer ás novas xeracións apostando por reforzar a relación entre porto e cidade.