A AUTORIDADE PORTUARIA DESTINARÁ 2,2 MILLÓNS PARA MELLORAR A CONEXIÓN FERROVIARIA ENTRE O PORTO INTERIOR DE FERROL E A ESTACIÓN DE TREN
O consello de administración aproba a firma dun convenio con ADIF e Portos do Estado para adaptar a vía e construír un terceiro carril de ancho métrico que facilite o tráfico de mercadorías e mellore a conectividade
O órgano de dirección do organismo portuario autorizou a Sthil Holland a prestar o servizo de provisionista de buques en Ferrol e San Cibrao
Ferrol, 24 de xullo de 2024
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou a firma dun convenio de colaboración con ADIF e Portos do Estado para o acondicionamento do ramal ferroviario entre o porto interior de Ferrol e a estación de tren, así como a construción dun terceiro carril de ancho métrico. A actuación, obxecto do acordo, supoñerá a mellora das prestacións da liña xa que actualmente é unha vía única de ancho ibérico sen electrificar. O proxecto, aprobado por ADIF, contempla a execución dun conxunto de traballos de mellora e renovación de vía no devandito ramal así como a dotación dun terceiro fío que permitirá a conexión do porto en ancho métrico. Estes traballos mellorarán as condicións de explotación dos servizos de transporte ferroviario de mercadorías, así como as oportunidades de captación de tráfico ferroviario, algo de interese estratéxico para a Autoridade Portuaria.
A actuación realizarase ao longo de 1.820 metros de ramal titularidade de ADIF e supón un investimento total de preto de 22,7 millóns de euros, IVE non incluído. Deles, a Autoridade Portuaria achegará 2.195.000 euros máis IVE para a construción do terceiro fío que posibilitará que poidan circular trens en ancho métrico. Isto dotará de conectividade ferroviaria a todo o norte da provincia da Coruña e a Mariña cun porto de interese xeral. Pola súa banda, ADIF achegará preto de 20,5 millóns (IVE non incluído) para a adaptación e mellora do ramal actual.
O convenio permitirá realizar forma coordinada unha actuación que implica unha mellora da rede xeral ferroviaria con interese directo para o porto.
Outros asuntos
O consello de administración tamén acordou outorgar autorización a Athil Holland a prestar o servizo comercial de provisionista de buques nas zonas de servizo dos portos de Ferrol e San Cibrao por un prazo de 10 anos. Así mesmo deu o visto e prace á modificación da concesión titularidade da Confraría de Pescadores de Ferrol para a execución de obras de adecuación da sala de formación e a instalación dunha marquesiña no edificio da lonxa.