A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO TRAMITA A INSTALACIÓN DUNHA ESTACIÓN DE SERVIZO DE HIDRÓXENO VERDE NO PORTO INTERIOR
As empresas Quantum DPI Group e Univergy Renovables Hidróxeno, S.L. presentaron o proxecto para a construción dunha hidrolineira de acceso público para para recibir e dispensar H2 para o transporte terrestre
O consumo eléctrico da planta será 100 % renovable e o orzamento estimado ascende a 1,3 millóns de euros
A infraestrutura é a primeira das actuacións incluídas no proxecto Faro da Enerxía Verde, liderado pola APFSC, que foi seleccionado para optar aos Fondos de Transición Xusta
Ferrol, 24 de marzo de 2023
O hidróxeno converteuse nun vector clave para a descarbonización, e os sistemas de xeración de hidróxeno mediante recursos renovables son os que teñen maiores expectativas de incremento no mercado. Nesa liña, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (APFSC) tramita a construción da que sería a primeira hidrolineira do porto de Ferrol. Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto que pretende converter a dársena ferrolá no faro da enerxía verde do sistema portuario español e no que participan as compañías promotoras desta instalación, Quantum DPI Group e Univergy Renovables Hidróxeno.
Neste contexto, as empresas presentaron na APFSC o primeiro dos seus proxectos: Hidróxeno Porto de Ferrol S.L. Trátase da construción dunha estación de servizo pública para o dispensado de hidróxeno renovable. Nesta primeira fase, a instalación contaría con dous partes. Por unha banda, o punto de dispensado de hidróxeno verde a 350 bar para mobilidade terrestre que será de acceso público e estaría situado na rotonda de entrada ao porto interior. A hidrolineira terá a aparencia e os accesos propios dunha estación de servizo. Doutra banda, o proxecto inclúe tamén a construción dunha planta de recepción e almacenamento que se situaría dentro da parcela portuaria.
A instalación constará dun almacenamento móbil, un compresor e un almacenamento en fervenza cun sistema de distribución que xestionará a saída do hidróxeno cara ao dispensador de forma continua e sen saltos de presión, algo necesario para a subministración aos vehículos. A estación de servizo terá unha capacidade de 288 Kg/día e permitirá encher 27 quilos cada 2,25 horas (unhas 10 reposicións ao día de 27 kg cada un) ou 3 reposicións seguidas cada 7 horas. A hidrolineira poderá abastecer tanto aos vehículos que traballan no ámbito portuario como ao público en xeral. Ocupará 1.300 metros cadrados e supoñerá un investimento de 1,3 millóns de euros. O consumo eléctrico da instalación será 100 % de orixe renovable.
A hidrolineira é a primeira fase dun proxecto máis amplo que Quantum DPI Group e Univergy Renovables de Hidróxeno acometerán no marco do proxecto Faro da Enerxía Verde liderado pola Autoridade Portuaria, e no que tamén proxecta a implantación dunha planta de xeración no porto exterior de Ferrol. Con estas instalacións, a compañía encargarase da xeración e dispensado de hidróxeno verde, baseada en enerxía fotovoltaica, para posibles aplicacións en operacións loxísticas do porto, de mobilidade e de cold ironing cero emisións nos peiraos interiores.
Faro da Enerxía Verde
O proxecto liderado pola Autoridade Portuaria, e do que Hidróxeno Porto de Ferrol forma parte, ten como obxectivo a instalación, combinando diferentes tecnoloxías, de potencia renovable e a subministración da enerxía producida a empresas vinculadas coa actividade nos seus peiraos e a contorna destes. A iniciativa implica un investimento de polo menos 35 millóns de euros en cinco anos.
A Autoridade Portuaria promove así a creación dun verdadeiro ecosistema enerxético innovador, vector de descarbonización da economía e garantía de subministración a un prezo competitivo. A estimación é que con el crense un mínimo de 120 postos de traballo entre directos e indirectos. No proxecto, ademais do organismo presidido por Francisco Barea e das compañías promotoras da hidrolineira, participan outras empresas de recoñecido prestixio no sector enerxético como Reganosa, Enerfin, Galenergy, EMSC e Elytt, e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, que achegará a monitorización e control intelixente da enerxía.
O proxecto Faro da Enerxía Verde xerará e fornecerá enerxía renovable ao porto de Ferrol e todas as demais empresas involucradas na operación diaria do mesmo. Converténdose así nun vector enerxético clave na transición cara a unha economía neutra en carbono.