A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao investirá preto de 20 millóns de euros nos seus portos durante o próximo ano
O consello reitor de Portos do Estado validou por unanimidade o Plan de Investimentos presentado polo organismo portuario
O groso do orzamento destinarase en 2027 á rede ferroviaria e a mellora da operatividade nos peiraos
Ferrol, 31 de xullo de 2026
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao conta xa cun plan de investimentos para o próximo exercicio. O consello reitor de Portos do Estado aprobou, por unanimidade, validar a proposta presentada polo organismo portuario para o período 2026-2030 que contempla unha anualidade de 19,7 millóns de euros para o 2027. O groso das partidas estará destinado á mellora das infraestruturas, especialmente as relacionadas co ferrocarril, así como a reforzar a seguridade.
A maior partida prevista está destinada á execución dos traballos para a instalación do sistema de control, mando e sinalización da rede ferroviaria. A esta actuación, que contará tamén con Fondos Feder, a Autoridade Portuaria destinará o próximo ano 5,8 millóns de euros e está previsto que as obras conclúan ao longo do 2027. Trátase duns traballos que mellorarán o actual sistema, reforzando a súa fiabilidade e facilitando o mantemento. Deste xeito, o Porto contará cunha instalación que permitirá gobernar a totalidade da rede ferroviaria interior da Autoridade Portuaria. Trátase dunha das actuacións complementarias do acceso ferroviario ao porto exterior que tamén conta cunha partida de 4,9 millóns de euros para o próximo exercicio. Aínda que as obras está previsto que finalicen este ano 2026, no 2027 prevese a devindicación da liquidación das obras e dos traballos vinculados á súa posta en servizo.
Tamén no 2027 está previsto que o organismo portuario que preside José Antonio Álvarez acometa a parte comprometida pola Autoridade Portuaria no convenio asinado con ADIF para o acondicionamento do ramal desde o porto ata a estación de tren nos terreos que pertencen ao xestor de infraestruturas ferroviarias. Aínda que o promotor é ADIF, a Autoridade Portuaria asume o custo que supón a dotación do terceiro fío para facer posible a circulación en ancho métrico. A esta actuación destínanse 2,2 millóns de euros.
Outras actuacións
Alén dos investimentos relacionados coa rede ferroviaria, hai outras dúas actuacións salientables para o próximo ano. Unha delas permitirá mellorar os peiraos coa adquisición de dous novos sistemas de amarre activo para o porto exterior, así como a renovación de defensas no peirao Fernández Ladreda do porto interior de Ferrol. O importe total é de 4,3 millóns dos que 1,8 corresponden á anualidade do 2027. Así mesmo, destinaranse 1,4 millóns ao desenvolvemento e implantación do sistema de seguridade e plataforma de xestión e control integrada da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
