A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao fai efectiva a cesión gratuíta de máis de 201.000 metros cadrados á cidade
O presidente do organismo portuario, Francisco Barea, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron a acta polo que os terreos da Malata e A Cabana pasan a ser de titularidade municipal
As parcelas manterán a súa utilidade pública actual e o seu uso como espazo deportivo e social, ademais de incluír zonas verdes, viarias, aparcamentos e infraestruturas de saneamento
“Hoxe gaña a cidade. Gaña o Porto. Gañan os ferroláns. Gañamos todos aqueles que cremos e traballamos por e para Ferrol”, destacou Barea
Ferrol, 31 de marzo de 2025
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao fai efectiva a cesión gratuíta á cidade de 201.658 metros cadrados de terreo para goce da cidadanía. O presidente da APFSC, Francisco Barea, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron nas dependencias do Concello a acta de cesión polo que os terreos, ata o de agora patrimonio portuario, pasan a ser de titularidade municipal. A rúbrica realizouse nun acto institucional ao que asistiu o presidente de Portos do Éstado, Álvaro Rodríguez Dapena, xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e representantes das distintas administracións e no que se destacou a importancia da colaboración para favorecer o desenvolvemento da cidade.
O terreos obxecto da cesión atópanse situados nas zonas da Malata e A Cabana, así como na parte alta do porto interior e son de uso xeneralizado por parte da cidadanía. Manterán os fins de utilidade pública actuais e están dedicados a espazos deportivos, viarios e xardíns, aparcamento e actividades sociais, así como á estación de impulsión que forma parte da rede de saneamento de Ferrol.
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao destacou a importancia da firma da escritura realizada hoxe porque contribúe ao “desenvolvemento de Ferrol”. Francisco Barea fixo especial fincapé na implicación e a colaboración das distintas administracións para facer efectiva a cesión de terreos. “Hoxe gaña a cidade. Gaña o Porto. Gañan os ferroláns. Gañamos todos aqueles que cremos e traballamos por e para Ferrol”, destacou Barea.
O presidente do organismo portuario enmarcou esta actuación na liña estratéxica que busca reforzar a relación “Porto-Cidade”. Neste sentido incidiu en que é moito máis que unha declaración de intencións. “É unha convicción. E nesa liña estratéxica imos seguir centrando esforzos. Para que, como hoxe, as intencións tradúzanse en feitos, e os obxectivos en metas alcanzas. Para que os ferroláns sentan orgullosos do seu porto. Para que esa vinculación entre o porto e a cidade sexa cada vez maior”, concluíu Francisco Barea quen agradeceu a sensibilidade do Ministerio de Transportes, Portos do Estado e o Concello.
Pola súa banda, o presidente de Portos do Estado destacou que estas actuacións “poñen de manifesto o compromiso dos portos do sistema de titularidade estatal coas súas cidades e co cidadán porque as persoas deben estar no centro da xestión portuaria”.
Espazos deportivos, sociais e zonas verdes
No caso da Malata, a cesión de 155.258 metros cadrados comprende a superficie na que se atopa, por unha banda, o estadio de fútbol, o campo de adestramento, os campos de fútbol 7, o estanque, a cancha de kaiak-polo, os aparcamentos e os viais e zonas verdes arredores. Por outro, a área do pavillón polideportivo e o seu aparcamento, pistas de atletismo e campo de rugby, as pistas de tenis e pádel, e o resto de edificacións do complexo. Tamén pasan a ser de titularidade municipal as conexións co Acceso Norte e a Estrada Alta do Porto. Na área da Cabana (31.062 metros cadrados), inclúense as superficies nas que se atopan o parque infantil, a igrexa, o local da asociación de veciños, así como o paseo marítimo e as zonas verdes contiguas. Tamén pasan a ser de titularidade municipal a área da estación de bombeo que forma parte da rede de saneamento e as estradas que discorren por esta zona de servizo. Polo que respecta á zona do porto interior (15.338 metros cadrados), cédese a Estrada Alta, ata a súa conexión co Acceso Norte, a vía que comunica a Estrada Alta e a Estrada Baixa do Porto e zonas verdes.
A firma da acta de cesión das parcelas é a culminación dun proceso que comezou coa declaración da innecesariedad dos terreos por parte da Autoridade Portuaria. Trátase do paso previo para que o Ministerio de Transportes, a proposta de Portos do Estado, procedese á desafectación desas áreas que pasaban así a ser patrimonio da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que, deste xeito, podía xa proceder á cesión gratuíta dos terreos ao Concello, a través dun protocolo de actuacións asinado entre ambas as institucións. Tras a autorización de Portos do Estado, hoxe a cesión faise efectiva e a cidade conta con de 201.658 metros cadrados máis para fins de utilidade pública e interese social.
A Autoridade Portuaria considera que se trata de espazos, instalacións e infraestruturas de uso xeneralizado pola cidadanía polo que resulta máis eficaz e beneficioso para a cidade que sexa o Concello o que se encargue da súa xestión e mantemento. Un paso que redundará positivamente no desenvolvemento de Ferrol.