O colexio profesional visará os proxectos do organismo que preside Francisco Barea para avalar a calidade técnica e normativa dos traballos que se realicen no porto, aumentando a súa competitividade e eficiencia

A rúbrica do acordo, que ten unha vixencia inicial de dous anos, contou coa asistencia do presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez Dapena, e do presidente do CICCP, Miguel Ángel Carrillo

Ferrol, 31 de outubro de 2023

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos (CICCP) en Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para o visado de traballos profesionais, o que permitirá reforzar a seguridade xurídica e técnica das obras e proxectos que se realicen no ámbito do organismo portuario. O porto de Ferrol convértese no primeiro de Galicia e un dos primeiros de toda España en asinar un acordo destas características. O documento foi subscrito polo decano da Demarcación de Galicia do Colexio, Enrique Urcola, e o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea nun acto que contou coa presenza dos presidentes de Portos do Estado e do CICCP, Álvaro Rodríguez Dapena e Miguel Ángel Carrillo.

A Autoridade Portuaria comprométese, con este convenio, a someter a visado todos aqueles traballos que realice con medios propios ou externos e nos que participen enxeñeiros de camiños, canles e portos. Isto supón un maior control sobre os proxectos, o que contribúe a reforzar as garantías ante a cidadanía, os profesionais e as empresas. Será o colexio profesional o encargado de realizar a comprobación documental e técnica, así como o cumprimento da normativa aplicable en cada caso. O visado incluirá, así mesmo, a cobertura das pólizas de responsabilidade civil profesional que o Colexio ten contratadas en función da actividade e supoñerá un abaratamento dos custos.

A través deste convenio, tamén se ofrece á Autoridade Portuaria formación técnica, a organización de congresos e foros especializados, e a consulta a comités de traballo para un posicionamento técnico sobre as áreas de competencia dos enxeñeiros de camiños.

O decano da Demarcación en Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Enrique Urcola, asegurou que con este acordo “apóiase e garante a calidade dos proxectos que levan a cabo no porto e asegúrase a responsabilidade civil que adquiren os colexiados nas diferentes obras cunha cobertura que se estende a outros profesionais intervenientes na execución destas. Isto é moi importante para unha Autoridade Portuaria como a de Ferrol-San Cibrao, que está a realizar importantes investimentos en infraestruturas, sendo un motor de desenvolvemento para a comarca e para a cidade de Ferrol.”

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, destacou que estas comprobacións servirán “para aumentar a competitividade, eficiencia e seguridade no porto”. Barea agradeceu ao presidente de Portos do Estado e aos representantes do CICCP a firma deste convenio nun momento no que a Autoridade Portuaria está en pleno “desenvolvemento” coa execución de obras que permitirán dar maior impulso ao organismo portuario. A firma deste acordo, destacou, “contribuirá a garantir a excelencia nos proxectos de enxeñería que se realicen e reforzar a seguridade xurídica e a calidade das obras que se executen”. Así mesmo, agradeceu a presenza do presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez Dapena, e do presidente do CICCP, Miguel Ángel Carrillo, quen valorou moi positivamente a liña de colaboración aberta desde o ano 2021 entre o sistema portuario de interese xeral e o CICCP.

Un protocolo a nivel nacional

Este é o primeiro convenio destas características que se asina en Galicia e que dá continuidade aos que xa se rubricaron noutras comunidades como Andalucía, Cantabria, Comunidade Valenciana ou Cataluña. O acordo enmárcase dentro do protocolo de colaboración que a nivel nacional subscribiron Portos do Estado e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en 2021 para o fomento da competitividade, eficiencia, sustentabilidade e seguridade do sector portuario e loxístico, así como na promoción da innovación e a mellor calidade técnica da xestión e dos proxectos e obras dos portos de interese xeral.