O consello de administración dá o visto e prace á solicitude realizada pola empresa para os traballos de mantemento da porta do dique número 5

Ferrol, 22 de setembro de 2023

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu hoxe o visto e prace á solicitude realizada por Navantia para levar a cabo labores de mantemento nas súas instalacións de Fene. Concretamente autorízase a realización da limpeza de fondos mariños da porta do dique número 5, un dos dous diques secos que opera Navantia Reparacións Ría de Ferrol.

Trátase dun dique en funcionamento desde os anos setenta que permite varar buques de tamaño panamax ou inferiores. As actuacións de mantemento son necesarias para o bo funcionamento da porta de comunicación co mar, actualmente dificultada pola acumulación de area e lodos que tamén reducen os calados máximos de entrada e saída dos buques que se reparan no dique.

Unha vez que a empresa conta con todos os informes favorables, o órgano de dirección da Autoridade Portuaria ha autorizado a execución dos traballos que deberán cumprir coas condicións establecidas no informe de Compatibilidade da Estratexia Mariña emitido polo Ministerio de Transición Ecolóxica e que inclúe un Plan de Vixilancia Ambiental e un informe á Dirección Xeral da Costa e o Mar, unha vez finalice a actuación.

Outros acordos

Noutra orde de cousas, o consello de administración validou a licenza provisional outorgada a Ferrol Contedora Terminal S.A. para prestar o servizo de manipulación de mercadorías no porto de Ferrol. O novo título habilitante estará en vigor un ano ou ata que se outorgue a nova licenza definitiva segundo o prego de prescricións particulares pendentes de elaboración. Tamén se acordou validar o outorgamento da licenza provisional a Amarradores do Porto de San Cibrao para a prestación do servizo de amarre e desamarre de buques. Unha licenza vinculada ao contrato da empresa con Alcoa, ao ser esta a única concesionaria na Mariña.