O consello de administración dá o visto e prace aos pregos para a licitación das obras, incluídas no convenio coa Xunta de Galicia para mellorar a mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol

A actuación, que conta cun orzamento de 2 millóns de euros, poñerá 1.800 metros cadrados máis de espazo ao dispor de peóns e ciclistas nun tramo de 750 metros

Ferrol, 24 de febreiro de 2023

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu esta mañá un paso máis para reforzar as relacións Porto-Cidade e poñer novos espazos portuarios ao dispor dos cidadáns. O organismo que preside Francisco Barea aprobou o proxecto e os pregos de condicións para a contratación das obras de remodelación e humanización da Estrada Baixa do porto de Ferrol.

Os traballos, que sairán proximamente a licitación, consisten na creación dunha senda peonil e un carril-bici nun tramo de 750 metros entre A Malata e o extremo leste da muralla baluarte de San Xoan. A actuación está incluída no convenio asinado coa Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia para a mellora da mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol.

A actuación contempla o retranqueo de aproximadamente 2 metros do peche actual do porto interior, gañando así novo espazo para os cidadáns. Nesta banda construirase un carril-bici bidireccional que dará continuidade ao procedente do paseo da Malata. Ademais, no lado este, pegado á cidade, realizarase a senda peonil de cinco metros de ancho e acondicionarase a parte axardinada ao pé da muralla. O proxecto inclúe tamén dous pasos peonís en cada un dos extremos. Deste xeito humanizarase este tramo da fachada marítima e gañaranse preto de 1.800 metros cadrados para peóns e ciclistas e 3.900 metros cadrados de zonas axardinadas. O orzamento é de 2 millóns de euros e o prazo de execución dos traballos é de 8 meses.

Esta obra constitúe a terceira fase contemplada no convenio entre a APFSC e a Xunta de Galicia para a fachada marítima de Ferrol cun investimento total de 4,6 millóns de euros, dos cales 3,8 achégaos a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. O acordo inclúe tamén a construción dos dous aparcamentos disuasorios que actualmente están en fase de licitación e que contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros.

O presidente da APFSC, Francisco Barea, destaca a importancia desta actuación xa que “é froito da colaboración entre administracións e supón un paso máis para poñer ao dispor da cidade e dos cidadáns novos espazos para o lecer e o goce da zona portuaria”. Ademais, permite humanizar a fachada marítima, mellorar a mobilidade e poñer novas dotacións ao servizo de Ferrol, o que incidirá nunha mellora da calidade de vida da cidadanía e favorecerá o desenvolvemento económico e social”, destaca Barea.

Outros acordos

O consello de administración tamén aprobou a modificación non substancial dunha concesión titularidade de Navantia para realizar unha remodelación nas súas instalacións de Fene. Trátase da primeira fase de actuacións nas bancadas que permitirán a adaptación ao mercado de estruturas de eólica off-shore. Os traballos consistirán na demolición das bancadas 1 e 2, de tal forma que se amplía a superficie de traballo baixo a guindastre pórtico.