O organismo portuario investirá 1,3 millóns nos traballos de recuperación do inmoble que terán un prazo de execución de 12 meses

A edificación destinarase a uso público e estará en obras ao longo do 2025

A restauración da fachada, a habilitación de espazos flexibles no interior e a instalación dun ascensor panorámico son algunhas das intervencións que se realizarán respectando o valor arquitectónico

Ferrol, 18 de novembro de 2024

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao adxudica á empresa Prace Servizos e Obras, S.A, a rehabilitación do antigo edificio de Aduanas situado en Paseo da Mariña, en Ferrol Vello. Deste xeito, dá un paso máis no obxectivo de mellorar a fachada marítima e abrir á cidadanía este inmoble catalogado como edificio de elevado valor arquitectónico. A actuación permitirá devolver de novo a actividade a estas dependencias, sen uso desde hai anos, que a Autoridade Portuaria adquiriu en 2020. As obras de rehabilitación foron adxudicadas por un orzamento de 1.336.143 euros e teñen un prazo de execución de 12 meses.

As obras de recuperación do inmoble realizaranse ao longo do 2025 e o obxectivo é abrilo á cidadanía e destinalo a uso público, devolvendo así á cidade un edificio emblemático, catalogado como de elevado valor arquitectónico.

Trátase dun edificio construído en 1940, e rehabilitado en 1985, situado nun solar cunha superficie de 336 metros cadrados e con fronte a tres cales. O inmoble ten 701 metros cadrados distribuídos en catro plantas. As dúas primeiras estaban dedicadas no seu momento a oficinas e atención ao público e as dúas máis altas tiñan uso de vivenda. O paso do tempo e a falta de actividade provocou que a edificación se atope en mal estado de conservación polo que é precisa unha rehabilitación e reforma para a súa posta en funcionamento.

Actuacións respectuosas co valor arquitectónico do edificio

Neste sentido actuarase sobre a estrutura, a cuberta, a fachada e os interiores. Para a rehabilitación recorrerase á demolición dos forxados horizontais de todas as plantas mantendo a envolvente da fachada e os muros interiores que compoñen o núcleo de escaleiras. A actuación que se realizará facilita un percorrido accesible desde o zaguán exterior potenciándose como acceso institucional a porta norte, froito da modificación executada nos anos corenta. Desta maneira o acceso ao edificio prodúcese desde un espazo semipúblico intermedio e non directamente desde a beirarrúa.

No interior instalarase un ascensor, para facilitar o desprazamento entre as diferentes plantas, no actual relanzo das escaleiras. Trátase dun ascensor panorámico, para favorecer a entrada de luz natural e subliñar o seu carácter público. Tamén se construirá un lucernario na súa cuberta, enrasado coa terraza plana da última planta. En canto á distribución, a planta baixa albergará o vestíbulo xeral e servizos auxiliares. Nas dúas plantas superiores mantense o esquema actual con dúas salas de diferente tamaño, de 70 e 40 metros cadrados aproximadamente. Terán un uso flexible, desde sala de exposicións a aulas de formación ou espazos de traballo. A última planta, máis pequena, se reserva para instalacións.

Os traballos de rehabilitación contemplan tamén a renovación dos acabados interiores, substituíndo falsos teitos, chapados de madeira e plaquetas, por materiais máis nobres, claros e dinámicos. Conservaranse as fachadas existentes, realizando unha restauración das mesmas e substituiranse as carpinterías de portas e xanelas por outras de madeira con deseños contemporáneos. Consérvanse as fachadas existentes, restaurándose alí onde será necesario. A carpintería exterior de fachada, xanelas e portas balconeras, será de madeira con rotura de ponte térmica e tripla acristalamento. Debido ao grao de protección que presentan algúns dos elementos da edificación, restauraranse as portas de madeira de planta baixa que forman o acceso principal, a porta da Avenida da Mariña e Rúa Castro.

O edificio de Aduanas segue así os pasos da antiga sede da Comandancia que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao recuperou tras anos en desuso para ampliar o espazo de traballo do organismo portuario. No caso de Aduanas tratarase dun uso de representación institucional e atención ao público ademais de reservar espazos para actividades coa cidadanía.