A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO ADXUDICA A CIVIS GLOBAL A EXECUCIÓN DA SENDA PEONIL E O CARRIL-BICI NA ESTRADA BAIXA
O consello de administración deu o visto e prace á oferta presentada pola empresa por un importe de 1,6 millóns e un prazo de execución de 8 meses
A actuación realizarase nun tramo de 750 metros e incluirá o retranqueo do valo do porto interior gañando espazo para os cidadáns
A obra forma parte do convenio asinado coa Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade sostible e reforzar a relación porto-cidade
Ferrol, 21 de xullo de 2023
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou esta mañá adxudicar á empresa Civis Global S.L.U. a execución das actuacións para mellorar a mobilidade sostible na denominada Estrada Baixa do Porto. A empresa elixida obtivo a mellor puntuación entre as catro presentadas. O orzamento é de 1.577.037, 97 euros máis IVE e o prazo de execución dos traballos será de oito meses.
As obras consisten na creación dunha senda peonil e un carril-bici nun tramo de 750 metros entre A Malata e o extremo leste da muralla baluarte de San Xoan. Unha actuación que está incluída no convenio asinado coa Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia para a mellora da mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol.
A actuación contempla o retranqueo de aproximadamente 2 metros do peche actual do porto interior, gañando así novo espazo para os cidadáns. Nese lado construirase un carril-bici bidireccional que dará continuidade ao procedente do paseo da Malata. Ademais, no lado este, pegado á cidade, realizarase a senda peonil de cinco metros de ancho e acondicionarase a parte axardinada ao pé da muralla. O proxecto inclúe tamén dous pasos peonís en cada un dos extremos. Para garantir a accesibilidade en todo o ámbito, a plataforma farase a un único nivel. Deste xeito humanizarase este tramo da fachada marítima e gañaranse preto de 1.800 metros cadrados para peóns e ciclistas e 3.900 metros cadrados de zonas axardinadas.
Esta obra constitúe a terceira fase contemplada no convenio entre a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Xunta de Galicia para a fachada marítima de Ferrol cun investimento total de 4,6 millóns de euros, dos cales 3,8 achégaos a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
O consello de administración tamén aprobou outorgar unha concesión ao Club Náutico de Caranza para a xestión e explotación do porto deportivo de Caranza por un prazo de 5 anos.