O consello de administración aproba outorgar ao instituto tecnolóxico a concesión de ocupación de dominio público portuario para un dispositivo que medirá as correntes e a ondada no litoral norte de Galicia

O órgano de dirección tamén resolveu convalidar a licenza para que Sertosa Norte siga prestando o servizo de remolque no porto de San Cibrao

Ferrol, 30 de xuño de 2023

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia (Intecmar) contará cunha nova concesión no porto exterior de Ferrol para a medición de correntes e ondada no litoral norte de Galicia. O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, celebrado esta mañá, deu o visto e prace á solicitude presentada polo instituto tecnolóxico e aprobou outorgar unha concesión de ocupación do dominio público portuario no edificio do faro de Cabo Prior para instalar unha serie de dispositivos que permitan controlar a calidade do medio mariño e monitorizar as correntes e a ondada.

O obxectivo de Intecmar, con esta iniciativa, é o de reforzar a seguridade das operacións asociadas ao mar, así como a capacidade de protección do medio ambiente, ante situacións ordinarias e extraordinarias, no litoral norte de Galicia. O prazo da nova concesión é de cinco anos.

 Outros asuntos

Noutra orde de cousas, o órgano de dirección da APFSC tamén aprobou convalidar a licenza provisional concedida a Sertosa Norte S.L. para seguir prestando o servizo de remolque no porto de San Cibrao.

O título estará en vigor ata o outorgamento da nova licenza que actualmente está en tramitación e está condicionada a que o contrato entre Sertosa e Alcoa estea vixente. Unha circunstancia que actualmente se cumpre xa que a empresa acreditou que o contrato coa única concesionaria do porto na Mariña está prorrogado ata o 31 de decembro de 2024.