A actividade nas dársenas de Ferrol e San Cibrao no período xaneiro-maio deste ano iguala a computada nas mesmas datas do 2018, aínda que se prevé que nos próximos meses de produza un retroceso significativo.

O incremento do tráfico de graneis sólidos compensa a evolución negativa no mercado dos líquidos e da mercancía xeral .

Ferrol, 6 de xuño de 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao está cumprindo en 2019 o obxectivo de actividade marcado na súa programación estratéxica: rexistrar unha media mensual dun millón de toneladas de mercancías transportadas nas súas instalacións. De feito, a estas alturas do curso practicamente iguala os números do 2018, que concluíu como o segundo mellor da historia para a institución. Sen embargo, os analistas do sector alertan dunha más que probable desaceleración brusca do mercado a curto e medio prazo.

As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron dende o 1 de xaneiro ata o 31 de maio de 2019 un total de 5.230.700 toneladas de materias primas, materiais e produtos, segundo datos aínda provisionais. Dita cifra é un 0,03 % inferior á rexistrada en iguais datas do 2018, se ben supón un avance de 5,3 puntos porcentuais respecto á media dos últimos tres lustros, como pode apreciarse na gráfica que complementa esta información.

Na suma dos cinco primeiros meses deste ano, o tráfico de graneis líquidos alcanzou as 645.017,66 toneladas; o de sólidos, que é o máis importante, as 4.282.146,64; e o de mercancía xeral, as 299.388,06. O primeiro caeu un 22,4 % en comparación co exercicio pasado, mentres que o segundo subiu un 5,17 % e o terceiro diminuíu un 3,92 %. Tamén se produciron retrocesos nos cómputos de toneladas de pesca (de 121,54 a 41,67) e de avituallamentos ( de 8.450 a 4.105,6).

Liderado do carbón e a bauxita
A clasificación de mercancías do período xaneiro-maio lidérao o carbón, con 1.827.431 toneladas movidas, seguido pola bauxita, con 1.714.146. A gran distancia, os dez primeiros postos complétanos a alumina (496.229 toneladas), o gas natural licuado (205.177), a chatarra (123.194), o fueloil (110.542), a madeira (109.646), a sosa cáustica (103.877), os aceites (92.624) e o biodiésel (79.660).

Cando se cumpre xusto un ano da entrada en servizo da liña regular de contedores aberta pola navieira MacAndrews no porto exterior de Ferrol, o tráfico de mercancías neste tipo de presentación segue debuxando unha pronunciada curva á alza. Medido en toneladas, o incremento é do 2.064 % en comparación co 2018 e, reflectido en TEUs, do 1.132 %.

Con este balance, a Autoridade Portuaria consolídase entre as catro principais institucións da súa clase da fachada noratlántica-cantábrica, xunto coas de Bilbao, Gijón e A Coruña. Un status que non periga a pesar da desaceleración que se prevé para os próximos meses.