O vindeiro luns, 25 de marzo, ábrese o prazo para que as persoas que queiran participar envíen os traballos que formarán parte dunha exposición na Sala Curuxeiras

O certame está dirixido a mozos de entre 12 e 18 anos que poderán transmitir, a través dunha instantánea, a súa percepción das instalacións e das actividades portuarias

Ferrol, 20 de marzo de 2024

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao convoca o cuarto concurso de fotografía infantil e xuvenil “Porto e Cidade”. Un certame que se consolida como unha das actividades máis arraigadas do organismo portuario que dá así continuidade a este concurso. O obxectivo é achegar aos máis novos a realidade do porto de Ferrol e que transmitan a súa percepción a través dunha fotografía.

No certame poderá participar calquera persoa de entre 12 e 18 anos, ambas as idades inclusive. O luns 25 de marzo ábrese o prazo para que as persoas interesadas comecen a enviar as súas imaxes. O envío dos traballos deberá realizarse entre o 25 de marzo e o 9 de abril. As fotografías deberán ser inéditas e a súa temática estará directamente relacionada co mar, as instalacións e as actividades realizadas no ferrolán peirao de Curuxeiras.

As instantáneas -soamente una por aspirante- enviaranse á conta de correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es coa referencia “IV Concurso de Fotografía: Porto e Cidade” no asunto do correo. Deberán incluír un título ou lema, o nome e apelidos da persoa autora da fotografía, a súa idade e un número de teléfono de contacto.

As mellores imaxes integrarán unha mostra especial que acollerá a Sala Curuxeiras e tres delas recibirán un agasallo como premio. As bases do concurso poden consultarse na web www.apfsc.com.