Os traballos poderán presentarse entre o 15 e o 30 de marzo, ambos inclusive, e formarán parte dunha exposición na Sala Curuxeiras

O certame está dirixido a mozos de entre 12 e 18 anos que poderán presentar unha única instantánea, en formato dixital, relacionada co mar ou as instalacións e actividades portuarias

Un xurado valorará a orixinalidade e calidade técnica para elixir os tres traballos que recibirán como premio unha cámara fotográfica

Ferrol, 13 de marzo de 2025

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao convoca a quinta edición do Concurso de Fotografía “Porto e Cidade”. Un certame que permite coñecer unha visión orixinal do peirao de Curuxeiras a través das instantáneas que poderán presentarse a partir do 15 de marzo. A iniciativa ten como un dos seus obxectivos achegar aos máis novos a realidade do porto de Ferrol e que transmitan a súa percepción a través dunha fotografía.
No concurso poderá participar calquera persoa de entre 12 e 18 anos, ambas as idades inclusive. Cada participante presentará unha única fotografía, inédita e en formato dixital. a súa temática estará directamente relacionada co mar, as instalacións e as actividades realizadas no ferrolán peirao de Curuxeiras.
As persoas interesadas en participar nesta quinta edición do certame, deberán enviar as súas imaxes entre o 15 e o 30 de marzo. As instantáneas -soamente una por aspirante- enviaranse á conta de correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es coa referencia “V Concurso de Fotografía: Porto e Cidade” no asunto do correo. Deberán incluír un título ou lema, o nome e apelidos da persoa autora da fotografía, a súa idade e un número de teléfono de contacto.
As mellores imaxes integrarán unha mostra especial que acollerá a Sala Curuxeiras e tres delas recibirán un agasallo como premio. O autor do mellor traballo elixido polo xurado recibirá unha cámara fotográfica Canon EOS 2000D e os seus accesorios. O segundo e terceiro premio será tamén unha cámara fotográfica. O xurado estará formado por dous representantes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e un profesional da fotografía. Valorarase especialmente a orixinalidade, a calidade técnica e a creatividade. As bases do concurso poden consultarse na web www.apfsc.com.las bases do concurso poden consultarse na web www.apfsc.com.