O organismo que preside Francisco Barea habilita unha embarcación para que 130 ferroláns poidan seguir a travesía acompañando á patroa dos mariñeiros

Os interesados en participar deberán inscribirse a partir de mañá venres a través da web oficial da APFSC

O porto impulsa a recuperación dunha xornada tradicional para a xente do mar e habilita o peirao norte para que se poida seguir o percorrido desde terra

Ferrol, 29 de xuño de 2023

O 16 de xullo é un día especial para as xentes do mar e a Autoridade Portuaria marcouse como obxectivo recuperar e potenciar o día do Carmen. Con este motivo, a procesión marítima deste ano abrirase aos cidadáns para que poidan participar desde o mar nesta celebración da patroa dos mariñeiros. Para iso habilitarase unha embarcación na que 130 persoas poderán acompañar á Virxe na súa travesía polo mar. Os interesados en participar deberán inscribirse, a partir de mañá, a través da web oficial da Autoridade Portuaria (www.apfsc.es) no apartado “Porto e Cidade”. O prazo permanecerá aberto ata completar as 130 prazas habilitadas.

Os cidadáns que participen na travesía embarcarán ás 18:30 horas no espigón exterior para realizar todo o percorrido por mar. Ademais, abrirase o peirao norte do porto interior para poder seguir a procesión tamén desde terra.

Os actos do día do Carmen comezarán ás 19:00 horas coa saída da Virxe en procesión desde a capela do Arsenal. A continuación, dará comezo a procesión marítima pola ría que durará aproximadamente unha hora para volver a continuación ao porto de Ferrol. Desde aí a imaxe da Virxe sairá de novo en procesión cara á igrexa da nosa Señora do Socorro.

O organismo que preside Francisco Barea pretende así recuperar a tradicional procesión marítima e impulsar a celebración da patroa das xentes do mar, abrindo a participación aos cidadáns. Trátase de converter o día do Carmen nunha das xornadas máis importantes no porto de Ferrol.