A AUTORIDADE PORTUARIA CONTRATA A ERNST&YOUNG PARA INCORPORAR OS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE (ODS) Á SÚA ESTRATEXIA EMPRESARIAL
A recoñecida consultora avaliará durante o 2021 a relación do organismo coa súa área de influencia e propoñerá actuacións para incrementar o beneficio que o ente produce na súa contorna
Ferrol, 3 de febreiro de 2021
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao apostou por impulsar a implantación na súa estratexia empresarial dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU dentro da axenda 2030. Neste sentido, o organismo que preside Indalecio Seijo contratou á prestixiosa consultora Ernst&Young para que durante 2021 realice unha avaliación da relación do ente coa súa área de influencia e propoña actuacións encamiñadas a incrementar o beneficio que a APFSC produce na súa contorna.
A consultora non parte de cero, xa que se apoiará nas análises, seguimentos e accións que se realizaron na APFSC durante os últimos anos a partir das memorias de sustentabilidade e plans no ámbito económico, social, ambiental e de bo goberno.
“A idea é que cando acabemos o ano contemos cunha estratexia empresarial actualizada que inclúa obxectivos de sustentabilidade en liña cos marcados por Nacións Unidas na axenda 2030”, destaca Indalecio Seijo, quen agrega: “Para iso, no transcurso deste exercicio, manteremos reunións cos nosos grupos de interese, como son os empregados, clientes, operadores de servizo, terminais de mercadorías, sector portuario, representantes sociais e doutras administracións públicas para conseguir ferramentas que dean unha resposta máis eficaz ás súas necesidades”.