A AUTORIDADE PORTUARIA CONSTRUIRÁ UNHA SENDA CICLISTA NO ACCESO Ó FARO DE ILLA PANCHA
A actuación incluirá a construción dun carril-bici, beirarrúas e aparcamentos, e restaurarase a calzada para facilitar a mobilidade sostible entre a praia de Rocas Brancas e a ponte que dá entrada á illa
A intervención, que está previsto que se licite este verán, conta cun orzamento de máis 90.000 euros e poderá entrar en servizo a principios de 2024
Ferrol, 3 de abril de 2023
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acometerá a construción dunha senda ciclista no acceso a Illa Pancha. Unha actuación coa que pretende mellorar a contorna e facilitar a mobilidade sostible no tramo cuxa titularidade corresponde ao organismo portuario. Trátase do camiño que leva ao Faro de Illa Pancha, entre o acceso a praia de Rocas Brancas e a ponte de acceso á illa.
A actuación supoñerá alargar a plataforma existente ao longo dos 300 metros, titularidade do organismo portuario, para situar na marxe dereita un carril-bici de 2,5 metros de ancho, habilitar aparcamentos e restaurar a calzada existente. Ademais, substituirase a iluminación actual por outra máis estética e eficiente, instalarase unha varanda de protección na zona da chaira que dá ao cantil e plantaranse novas especies arbóreas.
A Autoridade Portuaria sacará a licitación as obras este mesmo verán cun orzamento basee de 90600 euros. A estimación é que os traballos comecen no outono deste ano cun prazo de execución de 3 meses, polo que a nova senda estaría dispoñible para a súa goce a principios de 2024.
Con esta intervención, o organismo que preside Francisco Barea reafirma o seu compromiso coa Mariña lucense, en concreto co municipio de Ribadeo. Ademais, a intervención supón unha aposta pola mobilidade sostible, a seguridade e a mellora da contorna, ao habilitar unha senda ciclabe da que poderán gozar tanto os veciños de Ribadeo como os visitantes, o que contribuirá á posta en valor dun espazo emblemático como é o Faro de Illa Pancha mellorando a accesibilidade na contorna.