O consello de administración dá o visto e prace á solicitude da concesionaria que compromete a realización de novos investimentos para mellorar a eficiencia e competitividade da terminal

O órgano de dirección autoriza a incorporación de Hamilton e Cía como nova consignataria durante os próximos 10 anos

O organismo portuario contará cun comité multidisciplinar para impulsar a innovación como motor da sustentabilidade e modernización das súas dársenas

Ferrol, 22 de decembro de 2025

O obxectivo de converter a terminal de contedores nun dos piares de futuro do porto de Ferrol consolídase. O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou unha modificación substancial da concesión a Ferrol Contedora Terminal (FCT) que implica unha prórroga de 15 anos sobre o previsto inicialmente. Deste xeito, a concesión estará vixente ata setembro de 2063.

O acordo dá resposta á solicitude presentada por Yilport que evidencia así a súa aposta polo porto exterior de Ferrol. Unha aposta reforzada pola posta en servizo da conexión ferroviaria prevista para o segundo semestre do 2026 e que supoñerá un impulso para a terminal de contedores. Para iso a empresa comprométese a realizar unha serie de investimentos que consisten fundamentalmente en adquisicións de nova maquinaria e melloras sobre a actual por importe de preto de 25 millóns ata o 2041. Isto permitirá aumentar a capacidade operativa e a eficiencia global; manter os altos estándares de seguridade, fiabilidade e sustentabilidade, atraer novas liñas marítimas e fortalecer a conectividade do porto de Ferrol.

Coa ampliación da concesión, que pasa de 2048 a 2063, Yilport reafirma o seu compromiso coa mellora continua, a innovación tecnolóxica e a sustentabilidade operativa e reforza a súa aposta polo futuro da terminal. En definitiva, trátase contribuír a consolidar a posición do porto como nodo loxístico competitivo e eficiente no Atlántico europeo.

Outros asuntos

Na reunión do consello de administración deuse o visto e prace á incorporación dunha nova consignataria. O órgano de dirección aprobou outorgar a autorización para a prestación do servizo de consignación de buques e mercadorías a Hamilton e Compañía, S.A. por un período de 10 anos. Trátase dunha das empresas do grupo Transcoma con máis de 200 anos de experiencia marítima e loxística a nivel mundial que se incorpora á comunidade portuaria de Ferrol.

Así mesmo, o consello de administración aprobou a creación do Comité Multidisciplinar de Innovación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dada a importancia estratéxica de impulsar a innovación como motor de competitividade, sustentabilidade e modernización do sistema portuario. Trátase dun órgano de colaboración que permitirá articular unha axenda común de innovación para o porto, reforzando a cooperación entre a Autoridade Portuaria, as empresas da comunidade portuaria, tanto de Ferrol como de San Cibrao, así como universidades, centros tecnolóxicos e outros axentes relevantes do ecosistema innovador galego.