A AUTORIDADE PORTUARIA COMPRA O ANTIGO EDIFICIO DE ADUANAS DE FERROL
José Manuel Vilariño formaliza ante notario a adquisición do inmoble ao Ministerio de Interior por 203.836 euros.
Ferrol, 22 de xullo de 2020
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño, asinou este mediodía ante notario a escritura de compravenda da antiga sede de Aduanas. Co plácet do Ministerio de Facenda, foi adquirida ao de Interior por 203.836 euros.
Situado na zona de Curuxeiras, trátase dun inmoble de planta baixa e tres alturas cunha superficie construída de 701 metros cadrados. Hoxe visiblemente deteriorada, é unha edificación catalogada, con alto valor arquitectónico e afectada polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello.
Unha vez reformado integralmente, este edificio acollerá as dependencias máis vinculadas coa representación oficial da Autoridade Portuaria. Entre outras aplicacións que se están estudando, podería aloxar unha sala de usos institucionais, o arquivo histórico e, abertos á cidadanía, un salón de actos e unha sala de exposicións.
Deste xeito, o inmoble onde agora se organizan as mostras pictóricas e fotográficas, na contorna da Ranita, poderá ser destinado a control de fronteiras, necesidade que se ha de cubrir con instalacións adicionais ás xa existentes por mor da saída do Reino Unido da Unión Europea e da normativa de control de fronteiras que entrará en vigor en 2021.
Esta actuación contribuirá a poñer en valor a fachada marítima da cidade, xunto con outras dúas que se atopan en trámites: a desafectación da Casa do Mar para que poida funcionar con usos turísticos e a rehabilitación da vella Comandancia Naval. Cun orzamento máximo de 1.580.317,43 euros máis IVA e un prazo tope de 21 meses, o proxecto de ejecución destas últimas obras áchase en fase de contratación.
Construída en 1931, a Comandancia integrarase coa actual sede da Autoridade Portuaria, dando así lugar a un único edificio con dous bloques que quedarán conectados polas súas plantas baixas e unidos polos seus semisotos. Solucionaranse deste xeito os problemas de espazo que ata a data impediron dar resposta óptima ás necesidades de persoal e usos que foron xurdindo co paso dos anos.
Entre outras intervencións, o proxecto de rehabilitación da Comandancia inclúe o baleirado do seu interior para executar unha nova estrutura, a mellora da accesibilidade, o cambio de carpinterías, o embelecemento da fachada, a excavación no soto para sanear soleiras e eliminar humidades, a substitución da cuberta de fibrocemento por unha acabada en zinc e a eliminación de volumes impropios, como os da parte posterior e o situado sobre a lanterna.